Partido Popular de Lugo

Os candidatos populares lucenses reivindican a experiencia de Goberno do PP e as súas medidas para “converter ao rural nun espazo de oportunidades”

21, abril, 2019. Os candidatos ao Congreso, Jaime de Olano e Joaquín García Díez, e o cabeza de lista ao Senado pola provincia de Lugo, José Manuel Barreiro, reivindicaron a experiencia de Goberno do Partido Popular, a súa xestión económica e a aposta do Partido Popular polo rural nos mitins celebrados este domingo na Pastoriza, Lourenzá e Mondoñedo onde estiveron acompañados da presidenta provincial do PP e rexedora mindoniense, Elena Candia.

 

“Temos experiencia de Goberno e sabemos o que precisa España”, aseguraron os candidatos populares pedindo apoios para Pablo Casado o vindeiro domingo nas urnas “fronte aos que ameazan a nosa democracia”. Por iso piden dende o PP lucense “unir o voto” para dar resposta dende as institucións aos que queren romper o país porque “o Partido Popular é garantía para España e o seu crecemento económico”, defenderon. Así mesmo, os populares aseguraron que “a división do voto só beneficia a Sánchez”. De feito, engadiron que “a proposta de Orzamentos do PSOE pretendía prexudicarnos” porque “os socialistas querían quitarnos 63 euros a cada galego e dábanlle 97 euros máis a cada catalán”, lembraron.

 

Os candidatos ao Congreso e ao Senado cren necesario, polo tanto, un Goberno popular “para frear a desaceleración económica e o inferno fiscal ao que nos conduce Pedro Sánchez”. Nese sentido, explicaron que “en nove meses de Goberno do PSOE xa se destruíu emprego, a industria española está en recesión e as empresas teñen medo a investir en España ante a falta de garantía da cohesión de España e o medo ao que poda pasar despois do 28 de abril”. Fronte a esta situación, os populares claman por un Goberno popular que basea a súa xestión económica na garantía dunha estabilidade orzamentaria que poña seriedade ante despilfarro de cada venres do señor Sánchez; ademais dunha baixada xeneralizada de impostos”.

 

Oportunidades no rural, cuestión de Estado

Esta medida beneficiaría directamente a tódolos lucenses do mesmo xeito que o total das 500 medidas que recolle o programa electoral do Partido Popular de Pablo Casado. De feito, un dos seus obxectivos é “converter ao rural nun novo espazo de oportunidades”. Así o puxeron de manifesto os populares que aspiran a representar á nosa provincia no Congreso e no Senado que o consideran “cuestión de Estado” e que lembraron que “xa o estabamos a facer cando gobernabamos”. Concretamente nomearon medidas aplicadas coma as bonificacións para empresas, facilidades para a implantación de industrias, incentivos para emprendedores, plans de rehabilitación e construción de vivenda ou banda ancha para conexión a Internet, entre outras”.

 

Así mesmo, os populares lembraron a incidencia das axudas da PAC para o sector agrogandeiro lucense e puxeron como exemplo “aos gandeiros pastoricenses que cobran máis da PAC -máis de 5 millóns de euros na anualidade do 2018- que ten o Concello de Orzamento”. Polo tanto, amosaron o seu rexeitamento “ao desprezo dos socialistas ao sector” e “a súa falta de interese por defender ante a Unión Europea estas axudas que benefician ás explotacións lucenses cando a señora Calviño, daquela Directora Xeral de Presupostos da Unión Europea, propoñía reducila nun 30%. Finalmente, grazas ás negociacións do Goberno popular esa redución foi menor”, insistiron os candidatos populares ás Cortes Xerais.

 

Os Gobernos populares, exemplo de xestión

Os populares puxeron ao Concello de Mondoñedo e á Xunta como exemplos dunha boa xestión dos recursos públicos dirixida ao beneficio dos veciños e veciñas fronte á xestión “dun PSOE que non fai útiles ás administracións”; senón que “emprega aos veciños e veciñas ao servizo dos seus intereses partidistas”. Nese senso, sinalou a máxima dirixente dos populares “o reparto de fondos do Goberno socialista da Deputación de Lugo antes da posta en marcha do coñecido como Plan Único grazas ao Grupo Provincial do PP”.

 

Candia avogou tamén pola necesidade de “actuar con responsabilidade” dende as institucións e rexeitou “o insulto aos lucenses que supoñían os Presupostos Xerais do Estado presentados polo PSOE cos que cada veciño ou veciña recibiría 213 euros fronte aos máis de 4.000 que inviste o Goberno galego por cada habitante da nosa provincia”.