Partido Popular de Lugo

Teixido critica que “o Goberno local cambiara a celebración da festa dos maiores facéndoa coincidir coa época electoral”

12, abril, 2019. O candidato do PP á alcaldía de Guitiriz, José María Teixido, critica que “o Goberno local socialista adiantara a data habitual de celebración da festa dos maiores para onte cando nos últimos anos se facía no mes de maio”. Para o popular “este cambio débese a que agora estamos en época electoral” e, polo tanto, rexeita “estas actuacións por parte do equipo de Goberno do PSOE”.

 

Teixido lamenta “a falta de planificación deste acto”. Así se desprende do feito de que “a comida foi servida no interior dunha carpa que contaba con calefactores e onde tamén se instalaron os fogóns para cociñar. Ao non contar con ventilación, os gases desprendidos provocaron sensación de mareo a algúns veciños e veciñas participantes”.

 

O alcaldable do PP asegura que “non se pode xogar coa saúde das persoas por facer un acto apresuradamente nunha época na que non se viña celebrando”. Ademais, recorda que “na anterior etapa do Goberno popular esa celebración se desenvolvía no pavillón municipal” e sinala que “daquela non había estes problemas porque os fogóns para manter quente a comida se instalaban no seu exterior”.