Partido Popular de Lugo

Os populares trasladan o seu apoio aos produtores de aceite de Quiroga de cara a acadar a súa propia denominación

11, abril, 2019. Os candidatos ao Congreso, Jaime de Olano e Joaquín García Díez; e a candidata ao Senado, Rosa Arza, trasladaron o seu apoio aos produtores de aceite de Quiroga de cara a acadar a súa propia denominación. Foi durante a visita realizada a Aceiroga, e que se enmarca no programa de encontros e reunións que os populares están a levar a cabo pola provincia, co fin de explicar aos distintos colectivos e axentes socioeconómicos a importancia de aglutinar o voto nesta formación para que o rural continúe nos parámetros consolidados ata que Pedro Sánchez chegou ao Goberno.

 

Deste xeito, os futuros deputados e senadores puxeron en valor a importancia de que este produto estea avalado por un selo oficial de calidade, comprometéndose así a que, de acadarse tal distintivo, e se obteñen responsabilidades de goberno o 28 de abril, intensificarán os contactos para que o Ministerio de Agricultura traslade no menor tempo posible esta concesión á Comisión Europea.

 

Os candidatos ás Xerais coñeceron como é o proceso de fabricación deste produto da man do primeiro olivicultor de Galicia en canto a produción e un dos que conseguiu facer deste cultivo en expansión a súa forma de vida. Das súas 2,5 hectáreas, situadas en Bendollo, saen uns 2.000 litros de Aceiroga; un aceite único polas súas propiedades e que está elaborado 100% con oliva propia. Precisamente, estas características son as que contribúen a que hoxe sexa un produto gourmet moi buscado, que se vende en tendas especializadas de Galicia, por internet e tamén directamente na súa almazara.

 

A materia prima sae das centenarias oliveiras introducidas polos romanos cando estaban asentados en Galicia e extraían ouro do río Sil, na explotación de Montefurado. Segundo os últimos rexistros, en cada campaña comercialízanse aproximadamente 5.000 litros de aceite procedentes das oliveiras de Quiroga e Ribas de Sil, case a oitava parte da produción total desta comarca.