Partido Popular de Lugo

O PP avoga polo impulso de investimentos dirixidos á transformación e á comercialización de produtos agrarios

11, abril, 2019. Os candidatos ao Congreso e ao Senado, Jaime de Olano e Joaquín García Díez, e José Manuel Barreiro e Rosa Arza, respectivamente, destacaron a necesidade de impulsar dende as diferentes administracións investimentos dirixidos á transformación e á comercialización de produtos agrarios. Esta reivindicación enmárcase dentro da aposta do Partido Popular polo sector agrogandeiro, dende o punto de vista da innovación e a modernización como elementos determinantes para aumentar a competitividade e a rendibilidade do mesmo.

 

Os candidatos ás Xerais fixeron esta valoración en Novafrigsa; unha das empresas máis importantes de Lugo, e que dispón de máis de 320 empregos directos. Deste xeito, e ao igual que esta mesma semana manifestaban o compromiso da formación que representan con produtores de carne en A Fonsagrada, hoxe quixeron facer o mesmo coas industrias de alimentación que tamén favorecen o desenvolvemento das explotacións e ofrecen valor engadido ao agro.

 

“Do que se trata, apuntaron, e así se inclúe no programa electoral formado por 500 medidas, é de converter ao rural nun novo espazo de oportunidades, entendéndose isto como unha cuestión de Estado para poñer en valor e dar vida a este sector, tal e como xa estabamos a facer cando gobernamos”. Nese período aplicáronse medidas para a non redución da renda das persoas que viven nesta zona tales como bonificacións para empresas, facilidades para a implantación de industrias, incentivos para emprendedores, plans de rehabilitación e construción de vivenda, banda ancha para conexión a Internet, etc”.

 

Novafrigsa é unha cooperativa de segundo grao que integra numerosas sociedades con diferentes actividades, entre elas a avícola (de carne e de posta), porcino, plantas de alimentación animal, etc. As principais actividades son a elaboración de produtos cárnicos (embutidos, friames e cocidos), curado de xamón e sacrificio e despece de gando vacún. Trátase dun referente neste sector que, no pasado ano, comercializou máis de 12 millóns de quilogramos de carne, máis da terceira parte baixo o selo de Tenreira galega.