11, abril, 2019. Os populares da Fonsagrada lamentan que “o PSOE volva anunciar en precampaña obras para o municipio que non chega a facer” e que, aínda por riba, sexa en relación a unha “infraestrutura necesaria que levan anos prometendo”. Así o manifesta o candidato do PP á alcaldía, José Luís Regueiro, en relación ao anuncio de construción dun novo cuartel da Garda Civil na Fonsagrada que levan prometendo dende o 2004.
Para o popular “o PSOE está copiando o programa electoral que presentaron xa nas eleccións municipais de 2004”. De feito, engade que “sírvelles facer fotocopias porque as obras prometidas están aínda agora todas sen facer”. Isto é un claro sinal de que “o alcalde da Fonsagrada non está no concello porque está moi ocupado na Deputación e, polo tanto, non coñece os problemas actuais do noso municipio”, enfatizou Regueiro.
O alcaldable popular recorda que “dende o PSOE xa anunciaran a redacción do proxecto para a súa construción no 2004 para o que avanzaban dotación orzamentaria nos orzamentos do Estado para o 2005”. Con todo, de novo no 2007 durante a precampaña das eleccións municipais tamén “os socialistas, daquela dende o Goberno da Xunta, apuntaban como unha das melloras necesarias para A Fonsagrada a creación dun novo cuartel sinalando que xa estaba presupostado”. Ao ano seguinte, “dende o Goberno de Rodríguez Zapatero anunciaban a apertura ou ben os proxectos dun total de cinco novos cuarteis na provincia; pero para o da Fonsagrada aínda non se contemplaba sequera a súa redacción”.
Deste xeito, para os populares locais “a palabra do PSOE sobre esta infraestrutura para o noso municipio non ten valor ningún” porque “teñen demostrado que se limitan a anunciar obras, pero non chegan a materializalas”. E, mentres, “os fonsagradinos temos que seguir esperando e manternos á cola en materia de servizos”.
Residencial Rois, pechado
Nese sentido, o alcaldable do PP recorda a situación da residencia de maiores da Deputación Provincial que “continúa pechada catro anos despois de ser inaugurada tamén durante a precampaña ás eleccións municipais do 2015 polo rexedor do PSOE e o presidente socialista da Deputación”.