8, abril,2019. Os candidatos ao Senado, José Manuel Barreiro e Manuel Varela, e ao Senado, Jaime de Olano, ratificaron este luns diante dos empresarios de Chantada que non renunciarán a seguir demandando a Autovía a Ourense. Deste xeito, Manuel Varela manifestou publicamente que este “é un tema que non vou deixar de lado”. E é que, segundo destacaron os populares, coa moción de censura esta “vital” infraestrutura foi un dos “castigos” que se aparecían “perfectamente” reflectidos nos Orzamentos que pretendía levar a cabo Pedro Sánchez.
No marco deste compromiso que explicitaron dende o PP, o propio Varela puxo de relevo que foron moitas as reunións mantidas tanto co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e a ex ministra Ana Pastor para sacala adiante. Incluso o actual alcalde deste municipio apuntou que tamén se reuniu co cabeza de lista ao Senado, José Manuel Barreiro, para trasladarlle a necesidade e a importancia da execución desta vía de comunicación que permite vertebrar o sur da provincia con Santiago e Ourense.
“Uns días antes da moción de censura nos vimos en Madrid, onde fixamos incluso prazos para rematar o treito da Barrela e continuar a autovía ata Guntín, pero logo veu o cambio de goberno e, esta demanda que estaba encamiñada, queda esquecida; o que nos fai poñer nunha situación alarmante e que non podemos permitir”. Por este motivo, Varela sinalou que “cando me propuxeron voltar ao PP e ir ao Senado, vin nesta opción unha oportunidade para ser a voz do chantadinos e reclamar entre outras actuacións esta autovía, sen esquecerme tamén da N-540”.
E é que os oitos quilómetros do treito indicado son os únicos que recibiron unha inxección económica reseñable con cantidades insignificantes para outros enlaces, como se demostra nos 100.000 euros que se destinaban este ano aos que discorren entre Taboada e Narón e Narón e Guntín.
Estes dous, xunto a Ourense-Cambeo, Enlace de Cambeo-San Martiño, Enlace de A Barrela-Enlace de Chantada e Enlace de Chantada-Taboada seguen sen ter rematados os proxectos construtivos, algo imprescindible para poder sacar a licitación as obras.
A última publicación do Boletín Oficial del Estado en relación á A-56 data de mediados de 2017, cando se deu o visto bo ambiental ao percorrido entre Ourense e Cambeo.
Concentrar o voto no PP
Na mesma liña incidiron o cabeza de lista ao Congreso, Jaime de Olano, e Barreiro, quen trasladaron aos asistentes que “a única fórmula de corrixir a desaceleración económica que comezou co Sánchez, é apoiar ao Partido Popular, concentrando o voto nesta formación”.
Os populares facían esta apreciación porque cos socialistas “o que teremos serán máis impostos e menos emprego, ademais de 83 millóns de débeda pública cada día”. Pola contra, co PP, a través da Lei de implantación empresarial, “darémoslles máis oportunidades aos empresarios e aos emprendedores de Chantada e da provincia”.