6, abril, 2019.– O candidato á alcaldía do PP de Monforte, Miguel Lemos, anuncia que Katherinie Varela Fernández formará parte como número dous da candidatura coa que o PP concorrerá ás vindeiras eleccións municipais do mes de maio.
Varela Fernández é Licenciada en Dereito e na actualidade exerce na localidade monfortina como avogada na especialidade de dereito laboral e bancario.
A avogada é filla do histórico popular monfortino, Antonio Varela, quen fora deputado autonómico na I Lexislatura formando parte da Mesa do Parlamento de Galicia. “Con esta incorporación damos un paso máis no noso proxecto político que contará con persoas representativas da cidadanía e realidade social monfortina e do PP local”, asegura Lemos. Así mesmo, o candidato popular destaca “tanto a súa capacidade profesional como a súa capacidade, bagaxe e implicación na política, é dicir, na defensa dos intereses de todos os veciños e veciñas”.
A presidenta do PP de Lugo, Elena Candia, valora “sumar xente nova e comprometida con Monforte”.
Catro anos perdidos
Miguel Lemos dálle a benvida ao equipo e afirma que con esta incorporación os populares “traballaremos para recuperar a alcaldía de Monforte despois de catro anos perdidos cun Goberno local que será recordado pola súa pobre xestión”.
Destaca a “boa afinidade política” que existe con Katherinie Varela e os “obxectivos comúns”que os levarán a presentar un proxecto político para Monforte que teña aos veciños e veciñas como protagonistas, así como a mellora da súa calidade de vida para poder así deixar atrás a un Goberno local “que nunca pensou neles”.
Equipo de traballo
A sede do Partido Popular de Monforte permanece aberta de luns a venres en horario de 19:00 a 21:00. Neste horario dúas persoas encárganse de atender a todos os veciños e veciñas que se queiran achegar para trasladar as súas reivindicacións e propostas en prol dun Monforte mellor.