6, abril, 2019. O candidato do PP á alcaldía de Láncara, Santiago Cubillas, lamenta a “falta de planificación en materia de obras por parte do Goberno local”. O popular asegura que “o rexedor socialista executa obras e anuncia outras que non acometeu en catro anos de mandato”. “ Vese claramente unha actitude electoralista ao facelas dous meses antes das municipais. Hai obras que xa tiñan que estar feitas como a reconstrución da ponte en Sta. Mª de Lama, que leva dous anos colapsada”.
Estas “obras precipitadas nas estradas que responden as ocorrencias de última hora”, segundo considera o popular, “estanse a facer de forma apresurada e deficiente”. Concretamente, o alcaldable do Partido Popular recorda que “as intervencións estanse realizando no inverno cando se deberían facer no verán”; pois “todos sabemos que o alquitrán por debaixo de 10 graos non pega ben”. Así mesmo, “as actuacións nalgunhas zonas, onde se mellorou o firme das pistas, non se limparon as cunetas e os tubos atópanse atorados”.
Diñeiro tirado
“O descontrol no gasto non é nada novo no Concello de Láncara”, asegura Cubillas porque “a compra de maquinaria é outra proba da mala xestión por parte do alcalde do PSOE que adquiriu un pisón no outono que, por falta dun axeitado mantemento, estropeouse e agora xa non está en servizo e posiblemente acabe no desguace”. Igualmente, o Goberno local non planificou axeitadamente a compra dun camión de rego asfáltico ao cal non se lle da uso, xa que o Concello está contratando empresas para o arranxo e alquitranado das pistas”.
Reparación da pasarela da praia da Pobra de San Xiao
O Goberno local tamén anuncia agora a mellora da pasarela da praia fluvial da Pobra de San Xiao cando dende o PP xa criticamos que non se fixera ningunha labor de mantemento nestes 4 anos. Dende o verán está pechada ao público. Pero, aínda por riba, “anuncian unhas obras de reparación, por un valor de 40.000 €, aos que lle hai que sumar o que custou o informe encargado sobre o seu estado . A todas luces parece un coste moi elevado, case tanto como costou facela”.