Partido Popular de Lugo

Manuel Rouco: “Llano insiste en prexudicar aos comerciantes de Burela”

Burela, a 5 de abril de 2019.- O candidato do PP á alcaldía de Burela, Manuel Rouco, asegura que “o do actual alcalde de Burela, Alfredo Llano, non ten nome”; xa que “insiste en prexudicar aos comerciantes”. Así, sinala o popular que “fai un ano o Partido Popular advertiulle que a taxa que pretendía aplicarlle ás farmacias non era legal tal e como figuraba na ordenanza municipal ao respecto”; pero “fixo caso omiso e agora atópase coa sentenza en contra do Tribunal do contencioso-administrativo”.

Para o popular, “o incrible é que vendo o resultado e tendo a oportunidade de rectificar; insiste en modificar a ordenanza para gravar aos comerciantes de Burela cunha nova taxa”. Neste caso, ao sector farmacéutico.

Rouco cre que “un verdadeiro alcalde o que ten que facer é favorecer ao comercio local”. Iso implica, por exemplo, “taxas impositivas xustas e, se pode ser, o máis baixas posibles. Esta é a maneira de traballar polo pobo”.

O alcaldable do PP asegura que “dende o Partido Popular de Burela comprometémonos a revisar tódalas taxas impositivas aplicadas, non só ao comercio, senón a tódolos veciños e veciñas”. Así mesmo “garantimos que parte delas van ser eliminadas ou reducidas”, avanza o popular.

 

Servizos paralizados

Rouco lembra que “a toma de decisións erráticas do rexedor socialista non é nova. Recentemente paralizaba o concurso para a contratación da limpeza das dependencias municipais ou o do servizo de recollida de residuos sólidos urbanos por parte do tribunal administrativo concursal porque os pregos non eran coherentes coa actual lexislación”.