4, abril, 2019. O candidato do PP á alcaldía da Fonsagrada, José Luís Regueiro, acusa ao rexedor socialista de “enganar aos veciños e veciñas” por “animar á xente a solicitar praza para a residencia da terceira idade do municipio” cando “non conta coa documentación en regra”.
É máis, o popular non entende “como o alcalde socialista e vicepresidente da Deputación dese o visto e prace á aprobación da licitación dos servizos do centro residencial Rois sen ter solicitado o Permiso de Inicio de Actividade (PIA)”. Regueiro aclara que “este trámite necesario para a apertura da residencia non foi solicitado ata o 15 de marzo, un día despois de asinar un bando para comunicar aos veciños a apertura do prazo de presentación de solicitudes para o ingreso no centro daquelas persoas interesadas”.
Por outra banda, Regueiro recorda tamén que “o rexedor mentiu cando asegurou a comezos de setembro do ano pasado en declaracións aos medios de comunicación que o Concello tiña todo para abrir a residencia” tal e como demostra o feito de que “aínda solicitase o PIA fai menos dun mes”.
O PP, interesado na apertura da residencia
Os populares xa se interesaran pola situación da residencia no pleno celebrado o 13 de novembro. Daquela a resposta do alcalde á pregunta do voceiro do Grupo Municipal Popular sobre a concesión do PIA á residencia da Fonsagrada foi que “non”, pero que “cumpría con tódolos requisitos esixidos”. Así mesmo, o popular trasladáballe que tiña constancia dalgunhas deficiencias no inmoble sobre as que “o rexedor do PSOE se desculpou dicindo que xa o puxera en coñecemento da Sociedade Urbanística SUPLUSA”.
“Anuncios electoralistas” que “xogan coas persoas”
Regueiro recorda que “tamén nas semanas previas ás anteriores eleccións municipais os socialistas inauguraron as instalacións da residencia nunha clara acción electoralista” porque “catro anos despois segue pechada”.
O popular considera, ademais, que “xogaron coas persoas que foron seleccionadas para traballar no centro e agora, ademais de xogar novamente cos veciños e usuarios, tamén deixan ás empresas adxudicatarias dos servizos nunha situación de incerteza porque non saben se poderán abrir”.