Partido Popular de Lugo

Barreiro e Olano defenden a “necesaria” revolución fiscal do PP para “pasar páxina e parar a suba de impostos e a desaceleración á que nos conduce Sánchez”

4, abril, 2019. Os candidatos ao Senado e ao Congreso, José Manuel Barreiro e Jaime de Olano, respectivamente, mantiveron esta mañá en Vilalba unha reunión con empresarios da comarca da Terra Chá e na que tamén participaron o alcalde da capital chairega, Agustín Baamonde, xunto a outros candidatos e deputados do Partido Popular. Durante esta xuntanza, os populares expuxeron as liñas mestras da política económica que marcará a xestión do PP, se obtén responsabilidades de Goberno o próximo 28 de abril. Así, Barreiro e De Olano defenderon a “necesaria” revolución fiscal proposta polo PP para “pasar páxina e parar a suba de impostos e o perigo da desaceleración ao que nos conduce Sánchez”.

 

Co PSOE, país en recesión e cunha clara inestabilidade política

Os populares cren que “non se pode aumentar o gasto para as empresas tal e como fixo Sánchez ao aumentar os costes laborais subindoas cotizacións ata un 22%, subindo o prezo da enerxía e tamén os impostos”. Deste xeito, “as empresas e empresarios, que son o pulmón económico da nosa provincia, non poden crear emprego nin riqueza para os nosos pobos”.

 

Defenderon que outra política económica é posible. Coa baixada do IRPF establecida polo Goberno de Rajoy se viron beneficiados ata 167.000 lucenses dunha rebaixa media de 293 euros anuais. “Ben distinta é a situación que afrontaremos se Sánchez logra ter responsabilidade de Goberno porque quere subir máis de 3.000 euros ao ano de media a cada veciño ata alcanzar os 85.000 millóns de euros a recadación en impostos en toda España”, indicaron.

 

Pablo Casado propón a baixada de impostos

En materia de recadación fiscal, os candidatos lucenses do PP explicaron que en 2018 España bateu o récord cun presuposto deseñado polo Partido Popular. “Cando se baixan os impostos, a economía actívase. España vai cara un inferno fiscal e temos que ser capaces de paralo”, sinalou Barreiro.

 

De Olano, pola súa banda, apuntou que “non é o mesmo o PSOE que o PP”. Nese sentido, asegurou que “non é o mesmo subir as cotizacións que baixalas, non é o mesmo subir a tarifa plana para os autónomos que manter o prezo da tarifa plana aumentándoa dende os 12 ata os 24 meses como quere facer o PP”.

 

Así, os populares avogan por un Goberno do Partido Popular liderado por Pablo Casado que propón“baixar os impostos a tódolos españois baixando tódolos tramos do IRPF, o imposto de sociedades, eliminar o imposto sobre os actos xurídicos documentados para a compra de vivenda, etc”.

 

O Goberno galego, un exemplo

Os populares poñen como exemplo de xestión fiscal ao Goberno galego da Xunta de Galicia que baixou “o IRPF, eliminou o imposto de sucesións para a práctica totalidade dos contribuíntes e cidadáns e estableceu impostos 0 no rural”.

 

Ademais, Barreiro tamén valorou “que a Xunta de Galicia converteu a comarca nun referente nacional, e seguramente internacional, ao apostar pola produción de drons en Castro”. Sinalaron, así mesmo, que o Goberno da Xunta ten destinado máis de 45 millóns de euros á comarca da Terra Chá ao longo do pasado ano 2018 contribuíndo á dinamización económica da zona. Igualmente, a comarca de Meira recibiu do Goberno popular autonómico uns 6,5 millóns de euros que, engadidos aos que percibiron os municipios de Abadín, Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Guitiriz, Muras, A Pastoriza, Vilalba e Xermade, suman preto de 52 millóns de euros investidos na zona.

 

Voto útil

Por todo elo, remarcan que “o único voto útil é o voto ao Partido Popular, co que se evitarán máis subidas de impostos e o perigo da desaceleración económica. É necesario xerar confianza e “facer que pase o perigo” ao que nos condena “inevitablemente” o Sanchismo ao igual que o fixeron os anteriores Gobernos do PSOE”.

 

“Os lucenses debemos dicir que non ás políticas de Sánchez que coa súa proposta de Presupostos Xerais do Estado pactada con Podemos e forzas independentistas que pretenden destruír España e negociada no cárcere pretendía quitar 63 euros a cada galego e darlle 97 euros máis a cada catalán”, sinalou De Olano.