Santiago, 3 de abril de 2019.- A deputada do Grupo Popular Sandra Vázquez asegurou hoxe no Parlamento que “o concello de Baralla xa ten en curso un plan de despregue de fibra óptica por parte da empresa Telefónica”, polo que acusou aos socialistas de “vir facer propaganda electoral pedindo melloras que xa están en curso”.
Sandra Vázquez lembrou que o Parlamento de Galicia “xa aprobou en marzo de 2017 unha iniciativa do Grupo Popular a través da que se instaba ao Goberno do Estado a obrigar aos operadores a facilitar unha cobertura que permita o acceso a unha velocidade de 30 megabites por segundo a, cando menos, o 90 por cento dos habitantes das poboacións de menos de 5.000 habitantes”.
“A raíz desta solicitude, o Goberno de Mariano Rajoy aprobou a concesión de axudas Feder para o despregue de fibra óptica por parte dos operadores, actuación baixo a que Telefónica está a levar a cabo o cambio dos pares de cobre actuais por fibra óptica para mellorar a cobertura de internet aos veciños de Baralla”, indicou.
A deputada popular recordou que “a gran dispersión poboacional, xunto coa orografía complexa que presenta Galicia fai que a extensión de redes de telecomunicación resulte máis complexa e custosa”. Diante desta situación, o actual Goberno galego incrementou un 67 por cento o orzamento para a extensión da banda longa ao rural de Galicia e a mellora das telecomunicacións nas zonas illadas do rural.