3 de abril, 2019.– O candidato do PP á alcaldía de Cervantes, Javier Santín, pide “traballo serio e rigoroso” para a construción da residencia da terceira idade ao considerala unha “infraestrutura moi necesaria para o noso municipio”. De feito, os populares “fomos os que puxemos enriba da mesa a comezos deste mandato dotar a Cervantes dun servizo de atención a maiores vendo que o noso concello se atopa á cola con respecto aos concellos da comarca sobre este e outros servizos tamén necesarios”.
Santín considera que a sinatura do protocolo entre o rexedor local socialista e o presidente da Deputación é “unha mera declaración de intencións”. Así mesmo, o popular vea como “unha clara actuación electoralista” e asegura que “dende que foi aprobada en Pleno a moción presentada polo Grupo Municipal Popular fai preto de catro anos, xa podía estar asinado un convenio entre as administracións local e provincial que recollese compromisos concretos e esixibles”.
Tres anos anunciando a compra de terreos
O candidato do PP á alcaldía asegura que o rexedor e o Goberno do PSOE “non deron pasos en firme” sobre este asunto. É máis, Santín recorda que “pasa o tempo e nin temos coñecemento da compra dos terreos para a construción da residencia da terceira idade en Cervantes, a pesar de que o Goberno local leva tres anos consignando cartos nos orzamentos municipais para este fin”.
É máis, a falta de avances sobre este asunto faise evidente cando “no Pleno do mes de xullo do pasado ano o Goberno local aprobou cos cinco votos do PSOE unha modificación de crédito para rebaixar a partida que tiñan reservada no 2018 para a adquisición dos terreos para a súa construción nun 87%. Concretamente, o Concello consignara no Orzamento deste ano 40.000 euros para este fin; pero co trámite levado a cabo no día na sesión, este importe reduciuse ata os 5.000 euros”, engade o alcaldable popular.
Isto evidencia, di Santín, “unha falta de vontade por avanzar na construción deste centro que os socialistas só anuncian como parte da súa manobra electoralista” e que, ata agora, “só queda nunha mera intención”.
O PP reclamou na Deputación achegas para esta anualidade
Os populares teñen reclamado xa o inicio dos trámites para avanzar na dotación deste centro ao municipio de Cervantes. De feito, o Grupo Provincial Popular pedira ao Goberno provincial a través dunha emenda que foi aprobada en Pleno incluír no proxecto de orzamento da institución provincial para o 2019 a inclusión da residencia de Cervantes nos máis de 4 millóns de euros reservados para a construción de centros de atención a maiores e centros de día nesta anualidade “porque os socialistas non a contemplaban”.
Santín agarda que “a posta en marcha da residencia de maiores de Cervantes non quede só nunha intención e chegue a materializarse, non coma o resto de centros que o Goberno do PSOE na Deputación Provincial inaugurou noutros municipios da provincia pero que a día de hoxe continúan pechados”.
Compromiso do Goberno galego coa terceira idade
Para o popular “o compromiso do Goberno popular da Xunta coa atención aos nosos maiores é bastante máis claro” tal e como reflicte “o aumento de horas do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) nos últimos anos” e a apertura neste 2019 dunha casa do maior no municipio de Cervantes.