Partido Popular de Lugo

Felipe Labrada preséntase como candidato á alcaldía do Corgo co aval da experiencia na xestión municipal

28 de marzo, 2019. A presidenta dos populares lucenses asegurou que “o Partido Popular é un valor seguro á fronte do Goberno de calquera institución, ben sexa o do Estado ou o de cada Concello ou na Deputación, e así o demostra Feijóo na Xunta”. Así o expuxo no acto de presentación do candidato do PP á alcaldía do Corgo, Felipe Labrada, veciño de Arxemil e gandeiro de profesión que é dende o 1999 tenente de alcalde do municipio onde suma un total de 28 anos como membro da corporación local.

 

Elena Candia aproveitou a ocasión tamén para agradecer ao actual rexedor popular no municipio, José Antonio Ferreiro, “o seu traballo a prol do Concello do Corgo e dos seus veciños e veciñas defendendo as políticas do Partido Popular durante 24 anos”. Polo mesmo, cre que “ben merece este descanso tras ter anunciado o abandono da primeira liña política”.

 

O alcaldable popular, pola súa banda, asegurou sentirse “arroupado” polos compañeiros do Partido Popular lucense, a agrupación local do PP onde sempre tentou “unir sensibilidades” e polos propios veciños e veciñas do Corgo, “incluso daquelas persoas próximas a outros Partidos”. Polo tanto, agarda o apoio dos corgueses e corguesas tamén nas urnas.

 

Tras anos de experiencia na xestión do ente local, o candidato do PP á alcaldía coñece de primeira man o municipio e os veciños e veciñas así coma as súas demandas ás que pretende “dar respostas seguindo unha liña de traballo serio e de respecto a tódolos corgueses e corguesas e membros doutros candidaturas”. Precisamente a candidatura popular no Corgo “contará con persoas que vivan no noso concello” e que tamén traballen nesta liña para dar continuidade ao que ata o momento desenvolveu o alcalde e o resto do equipo de Goberno”.

 

Neste senso, o alcaldable do PP no Corgo destaca que “o Concello está rematando o Punto de Atención á Infancia (PAI) co obxectivo de que entre en funcionamento no mes de setembro coincidindo co vindeiro curso escolar”. En relación aos servizos sociais aos maiores, Labrada destaca “a profesionalidade das traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF)” e “o apoio da Xunta a este servizo a través achegas coas que sufragar o incremento de horas de atención aos nosos maiores”. A este respecto, cre que “debemos seguir achegando este servizo ás persoas que o demanden” como “tamén debemos continuar a mellorar outros servizos básicos, coma as vías de comunicación”.

 

Emprego e vivenda

Labrada sinalou que “un dos principais obxectivos de cara ao vindeiro mandato debe ser o traballo para conseguir que a xente quede a vivir aquí no Corgo”. Para iso “haberá que ofrecer distintos servizos aos nosos veciños como pode ser a habilitación de vivendas sociais”. Pero tamén avanzou, en materia de emprego, “a creación dunha viveiro de empresas” e “a procura de apoios para a creación dun polígono industrial no Corgo”.

 

Máis de 3 millóns achegou a Xunta ao Corgo no 2018

O Goberno da Xunta destinou no pasado ano 2018 algo máis de 3 millóns de euros ao Concello do Corgo. Concretamente, o alcaldable destacou “os preto de 2,4 millóns de euros en axudas agrogandeiras das que se benefician, maioritariamente, agricultores e gandeiros de xeito directo e que supoñen, polo tanto, un gran impulso para boa parte dos corgueses e corguesas relacionados coa actividade agrogandeira”.

 

Dos preto de 620.000 euros que a Xunta de Galicia destinou ao Concello destacan os 248.000 euros do Fondo de Cooperación Local. Labrada pon en valor que “tamén facilitou o Goberno de Feijóo a eliminación de vertedoiros incontrolados con 33.000 euros, dirixiu máis de 56.000 a políticas de emprego e máis de 32.000 para mellorar o colexio”.