Partido Popular de Lugo

O PP pedirá que a Deputación acometa obras no Pazo de San Marcos para garantir a accesibilidade das persoas con mobilidade reducida

27 de marzo, 2019.- O Grupo Provincial do Partido Popular pedirá que a Deputación de Lugo acometa obras no Pazo de San Marcos para garantir a accesibilidade das persoas con mobilidade reducida que na actualidade non contan con aseos que poder empregar.

 

Os populares recordan que, en cumprimento da Lei 10/2014, de 3 de decembro, de accesibilidade:

 

Os edificios de uso público disporán de aseos accesibles nas zonas de uso público, nos termos que se establezan reglamentariamente e procurando a existencia de aseos femininos e masculinos.

 

Os populares fanse eco das queixas trasladadas polos usuarios das instalacións que se atopan co atranco de non poder usar os aseos públicos por non estar adaptados, unha situación que os obriga a empregar os aseos de fóra do Pazo de San Marcos.

 

Tanto é así que existe persoal da propia institución provincial que ten que visitar edificios próximos para poder empregar un aseo, posto que na Deputación non existe ningún baño adaptado para o seu uso por parte das persoas con mobilidade reducida.

 

Os populares consideran “intolerable” que esta situación permaneza, polo que demandarán que o Goberno do PSOE destine “os fondos que sexan necesarios” para rematar con esta situación de discriminación coas persoas de mobilidade reducida.

 

Desde o Grupo Provincial do PP aseguran que os edificios públicos deberían estar adaptados, tal e como ordena a lei, para evitar que se repitan este tipo de situacións, que dificultan o normal funcionamento do traballo do persoal e tamén das persoas que visitan o Pazo de San Marcos.