Partido Popular de Lugo

Os candidatos ao Senado e ao Congreso cren que “se Goberna o PSOE non teremos garantido o noso dereito á propiedade”

26 de marzo, 2019. Os candidatos ao Senado e ao Congreso pola provincia de Lugo, José Manuel Barreiro, Jaime de Olano e Joaquín García Díez, aseguraron que “se goberna o PSOE non teremos garantido o noso dereito á propiedade”. Así llelo trasladaron esta tarde ás persoas afectadas pola ocupación ilegal das súas vivendas do barrio lugués das Gándaras, no marco dunha xuntanza na que estiveron acompañados do candidato do PP á alcaldía da cidade de Lugo, Ramón Carballo, e o voceiro do Grupo Municipal Popular na cidade amurallada, Antonio Ameijide, e que desenvolveu no local da asociación Gatos Roxos, impulsora das concentracións que se están a levar a cabo con este motivo.

 

Tendo en conta que esta problemática adquiriu nos últimos meses unha relevante magnitude polas súas consecuencias de tipo social, legal e económico, os populares escoitaron unha vez máis as súas demandas e reafirmaron o seu compromiso coas políticas antiokupas e a defensa dos dereitos dos propietarios afectados. A este respecto, lembraron que dende o PP xa teñen dado traslado desta situación ante as distintas institucións públicas, tanto no Congreso coma no Concello ou na Deputación.

 

Concretamente, o Partido Popular levou á cámara baixa unha proposta de Lei Orgánica para combater a ocupación ilegal de vivendas, garantir o dereito de propiedade, a seguridade das persoas e bens e a convivencia. Pero, “lamentablemente, os socialistas votaron en contra desta medida amosando claramente a súa postura a favor dos okupas e as súas prácticas”, destacou Barreiro.

 

O PP local, a favor dos veciños afectados

“Esta postura de decir non” é a mesma que adoptou o Goberno local, e que resposta “á falta de interese da alcaldesa por dar solución aos problemas de usurpación da propiedade, un dereito constitucionalmente recoñecido”, tal e como destacou Ramón Carballo.

 

“É dicir, á Sra. Méndez non só acepta que o Ministerio non cree o xulgado do social, conformándose co persoal que, por certo, paga a Xunta, senón que tumbou esta medida que é, cando menos de sentido común, pois pensamos que a ninguén lle gusta que lle ocupen deste xeito a súa casa. O do Concello de Lugo é un despropósito seguido”, explicou o alcaldable.

 

Pola contra, dende o PP local sempre se posicionaron a favor dos veciños e veciñas afectadas tratando de ofrecer solucións a este problema que nos últimos meses adquiriu maior relevancia nos barrios lugueses da Milagrosa, Barrio Feijóo, A Residencia ou A Cheda. Xa no pleno de setembro do pasado ano, é dicir, hai seis meses, o Grupo Municipal Popular no Concello de Lugo conseguía a aprobación dunha proposta para a creación dunha oficina de asesoramento antiokupas a pesar dos votos en contra do PSOE. Con todo, non conseguía o apoio da Corporación para apoiar a proposta de Lei Orgánica que o PP presentara no Congreso dos Deputados para combater a ocupación ilegal de vivendas, garantir o dereito de propiedade, a seguridade das persoas e bens e a convivencia. Neste caso, votaron en contra todos os Grupos a excepción do PP: tanto o PSOE, coma Ciudadanos, Lugonovo, BNG e ACE-EU.

 

Proposta de Lei Orgánica para combater a ocupación ilegal de vivendas

A proposta do PP pretendía tamén reforzar as penas asociadas aos delitos de usurpación, que pasarían de multa a privación de liberdade dun a tres anos, axilizar o proceso penal para xulgar este tipo de delincuencia -modificando a Lei de Axuizamento Criminal e a Lei do Xurado-, ademais de ampliar a reforma dos procesos civís para que as persoas xurídicas propietarias de vivendas ou posuidores lexítimos poidan exercer o seu dereito coa mesma axilidade que as persoas físicas á hora de recuperar a posesión das súas casas. Por outra banda, esta normativa facultaría tamén ás comunidades de propietarios, cando os ocupantes ilegais realicen actividades prohibidas ou molestas ou incívicas, para garantir a correcta convivencia veciñal; ademais de considerar nula a inscrición no padrón municipal cando a persoa inscrita sexa un okupa ilegal -modificando para iso a Lei de Bases de Réxime local-.

 

En calquera caso, o popular quixo deixar claro que esta Proposición de Lei non regula os desafiuzamentos hipotecarios nin arrendaticios nin ten como obxectivo regular os coñecidos “precarios” porque esta normativa nada ten que ver coa que se aprobou en protección das persoas en situacións de emerxencia social ou especial vulnerabilidade habitacional cuxa protección se atopa definida en numerosas normas aprobadas polo Partido Popular”.