Partido Popular de Lugo

O PP de Alfoz pedirá no Pleno que “o Estado revise a proposta do estatuto do consumidor electrointensivo para garantir a actividade e o emprego de Alcoa en San Cibrao”

22, marzo, 2019. O Grupo Municipal Popular de Alfoz presenta para o seu debate na última sesión plenaria deste mandato que se desenvolverá este venres unha moción de urxencia na que pide ao Goberno do Estado a revisión da proposta do estatuto do consumidor electrointensivo por ser prexudicial para a central de Alcoa en San Cibrao e poñer en perigo o seu mantemento. “Tendo en conta a importancia da planta de Alcoa de San Cibrao para toda a comarca da Mariña, exiximos o mantemento da súa actividade económica e, polo tanto, dos postos de traballo da central”, manifestou o portavoz popular, Juanjo Fraga.

 

Os populares exíxenlle tamén ao Goberno do Estado que dea unha resposta viable e efectiva ás necesidades consensuadas coa industria electrointensiva galega para establecer un marco eléctrico estable e un prezo competitivo para este tipo de empresas, coa necesidade de introducir seguridade no sector e permitir que o conxunto das empresas electrointensivas compitan en igualdade de condicións que o resto das factorías a nivel internacional; co obxectivo de que Alcoa manteña a súa actividade e, polo tanto, o emprego na central de San Cibrao.

 

Juanjo Fraga indica que “a planta que a multinacional Alcoa ten en San Cibrao é de vital importancia para a realidade socioeconómica da comarca da Mariña, xa que supón un emprego directo duns 1.200 traballadores (sumando as fábricas de aluminio e alúmina) e indirectamente estímase que a economía dunhas 6.000 familias depende deste complexo”.

 

Reclaman medidas ante o perigo da planta de San Cibrao

En outubro de 2018 o grupo Alcoa Inespal anunciaba o peche das súas plantas da Coruña e Avilés e, dende aquela “as novas medidas propostas polo Goberno do Estado para compensar á gran industria dos elevados gastos eléctricos e, polo tanto, de produción; lonxe de apagar o incendio, avivaron o lume”. De feito, non son suficientes para igualar os custes cos competidores europeos. É máis, o estatuto do consumidor electrointensivo que propón o Goberno do Estado fixo que Alcoa alerte de que a súa central sita en San Cibrao está en perigo. A proposta non foi ben acollida tampouco polos representantes dos traballadores nin polas administracións autonómicas asturiana e galega.

 

Desde o Grupo Municipal Popular de Alfoz reclaman que “o Goberno do Estado teña un plan serio de traballo, sobre todo nun asunto de tal importancia coma este, tal é como fixo o anterior Goberno do Estado tomando as medidas necesarias, cando xurdiu algunha problemática, para garantir o mantemento da actividade económica da central de Alcoa en San Cibrao”.