Partido Popular de Lugo

O Grupo Municipal Popular de Burela advirte de que “importantes regulamentos para o Concello están sen facer a pesar de que o alcalde os anunciou xa no 2017 e no 2018”

Burela, a 22 de marzo de 2019.- O Grupo Municipal Popular de Burela advirte de que tres importantes regulamentos para o Concello de Burela están aínda sen facer; a pesar de que xa se incluían no plano normativo para os anos 2017 e, de novo, para o 2018 que o alcalde ten levado a pleno.

Trátase da ordenanza municipal reguladora da venda ambulante no concello de Burela –é dicir, o regulamento do mercado semanal-, a ordenanza municipal reguladora da instalación de terrazas en espazos públicos do Concello de Burela –cando sabemos que hai terrazas que están facendo o que lles da a gana- e o regulamento sobre os complementos de produtividade polo desempeño de tarefas propias dos postos de traballo de superior categoría no Concello.

Os populares recordan que “Alfredo Llano levou a pleno en xullo do 2017 o plan normativo municipal para aquel ano no que entre outras cuestións se contemplaba a elaboración de varias ordenanzas. En concreto, da ordenanza municipal de protección do medio ambiente en materia de ruídos e vibracións, un ordenamento municipal regulador do complemento de produtividade para os traballadores do Concello de Burela, así coma un regulamento do servizo municipal de abastecemento de auga potable e saneamento e outro regulamento municipal dos vertidos non domésticos de augas residuais á rede de sumidoiros. Tamén se contemplaba un regulamento sobre o servizo público de saneamento e depuración de augas residuais e outras dúas ordenanzas importantes como son a que regula da venda ambulante no concello de Burela e a que regula a instalación de terrazas en espazos públicos do Concello de Burela”.

De novo o 1 de febreiro de 2018 o rexedor local socialista volveu someter o plano normativo para o 2018 a pleno volvendo incorporar estes mesmos asuntos. É dicir, “non se fixera nada sobre eles no ano 2017. E, agora, no plano normativo para o presente ano 2019 tamén se volven incorporar todos estes asuntos que non se fixeron nin no ano 2017 nin no 2018”, remarcan os edís do PP.

O Grupo Municipal do Partido Popular en Burela explica que “o alcalde ía facer algo no 2017 que non fixo, volveuno anunciar no 2018 e tampouco o fixo e vólveo anunciar para o 2019”. En definitiva, “o alcalde está poñendo negro sobre branco a súa vagancia e a súa incompetencia política para sacar adiante cuestións importantes; pero non nos sorprende”. De feito, os populares poñen como exemplo que “na Traseira de Capitanía sabemos o que fixo: nada. Tamén sabemos que non fixo nada co plan de tráfico e tampouco co parque empresarial do Perdouro ou co novo pavillón”. Así, “os catro anos do mandato de Alfredo Llano resúmense cunha palabra de catro letras: nada”.