Partido Popular de Lugo

O PP denuncia “a desidia” do Goberno con respecto a Alcoa e demandarán a nivel provincial, local e nacional que Sánchez rectifique e garanta os empregos da factoría

  • Consideran que o estatuto que pretende aplicar o Executivo socialista “fai saltar todas as alarmas”, pois o regulamento non dá unha resposta integral ás necesidades destas empresas, ao non establecer un marco estable e competitivo que permita determinar un prezo que poña en igualdade de condicións ás empresas españolas coas de Europa

 

  • Defenden que só un cambio o 28 de abril sería a solución para dar estabilidade ao país e defenden un diálogo e unha negociación intensa con la UE ou unha introdución no orzamento de 2018 como fixo o PP de partidas presupostarias por valor de 150 millóns

 

  • Dado que as tres sedes de Alcoa supoñen máis do 3% da demanda total da electricidade en España, lamentaron que, malia ser da Mariña e coñecedora da situación, a subdelegada aínda non se pronunciase ao respecto; “o que nos leva á conclusión de que calquera pode comprobar como de nada serve ter aos socialistas no Goberno. Dende logo os mariñanos, e os lucenses en xeral, non lles debemos nada a este PSOE”, afirmaron con rotundidade

 

  • Á petición por escrito dos comités de empresa, Olano recibirá no Congreso aos representantes deste colectivo en San Cibrao o vindeiro martes 26 e, aos de A Coruña e Avilés, o día 28

 

  • Alfonso Villares destacou que, xa que mañá é venres, “agardamos que sexa deses venres sociais que está facendo o Estado e onde aproben un decreto que beneficie ao traballo na Mariña. Esperamos que sexa por tanto o día do decreto social da Mariña”

 

21, marzo, 2019. O candidato ao Congreso, Jaime de Olano, e o senador e membro da Deputación Permanente, José Manuel Barreiro, acompañados da presidenta provincial, Elena Candia, e dos alcaldes de Cervo e Xove, Alfonso Villares e Demetrio Salgueiro, respectivamente, denunciaron este xoves “a profunda desidia” do Goberno Central para impulsar un estatuto do consumidor electrointensivo que garanta os 2.000 postos de traballos directos e indirectos que dependen desta multinacional, así como o mantemento da mesma.

 

Os populares póñense así de lado dos traballadores; de aí que, o vindeiro martes, día 26, ás 11:00 horas, o propio Olano recibirá no Congreso ao Comité de Empresa de Alcoa San Cibrao e, o día 28, aos representantes deste órgano en Avilés e A Coruña.

 

Deste xeito, dende o PP esixen ao Goberno socialista que rectifique, pois “prefire ter contentos a certos colectivos, antes que garantir o emprego e a supervivencia dunha empresa coma esta, que é un dos motores económicos da Mariña”. Por este motivo, a presidenta provincial tamén trasladou que, ademais de na Deputación, o Partido presentará mocións en todos os Concellos da Mariña, xa que, grazas a esta empresa, son moitas as familias que subsisten cada día.

 

“Cremos que o Partido Socialista ten unha oportunidade extraordinaria para rectificar pois, do contrario, o castigo á Mariña sería irremediable e só tería un culpable: o Goberno do Sr. Sánchez, coa complicidade do PSdeG en Lugo e en Galicia”, defendeu Olano.

 

Na mesma liña, o alcalde de Cervo destacou que, xa que mañá é venres, “agardamos que sexa deses venres sociais que está facendo o Estado e onde aproben un decreto que beneficie ao traballo na Mariña. Esperamos que sexa, por tanto, o día do decreto social da Mariña”, sentenciou.

 

O PSOE fai saltar todas as alarmas”

A actuación do Executivo do PSOE “fai saltar todas as alarmas”, pois o regulamento que pretende aplicar non dá unha resposta integral ás necesidades destas empresas. Tal é así que non establece un marco estable e competitivo que permita determinar un prezo que poña en igualdade de condicións ás empresas españolas coas de Europa.

 

Diante esta “crítica e alarmante” situación, os populares adiantaron que pedirán nas respectivas Cámaras que se teñan en conta as alegacións presentadas tanto pola factoría como pola Xunta de Galicia. Trátase, en definitiva, que, dende os Ministerios implicados, se impulsen medidas fiscais e lexislativas como as que están a aplicar outros países da Unión Europea. É o caso de Alemaña ou Francia e que inclúan rebaixas sobre os peaxes, garantías sobre os mecanismos de compensación de CO2 e compensacións ante o custo enerxético destas empresas.

 

A solución pasa, segundo defenderon por unha política que reduza custos e favorecer interconexións eléctricas co resto de Europa e pola introdución no orzamento de partidas presupostarias, tal e como fixo o PP, que incorporou nas contas públicas do pasado ano 150 millóns de euros.

 

“Dende a moción de censura non se fixo nada. O que temos é unha absoluta pasividade ante a suba do prezo da enerxía a medio e a longo prazo. Nin tan sequera executaron as partidas previstas. Cremos, por tanto, que o PSOE non pode dar así as costas aos traballadores e á economía das 6.000 familias que dependen desta fábrica”, remarcaron.

 

A este respecto, e en clave máis autonómica, o candidato ao Congreso engadiu que “o Sr. Sánchez non só pon en risco o futuro desta comarca e os 70.000 veciños, senón que, coa política enerxética e industrial que levou a cabo durante estes nove meses, puxo en perigo a continuidade de Alcoa en Lugo e A Coruña, ENCE en Pontevedra, PSA en Vigo e FerrolAtlántica”. A este respecto, para o popular, “a conclusión máis evidente é que a Galicia lle vai mal, moi mal co Sr. Sánchez na Moncloa”. A mellor proba disto, sinalou, é que no Presuposto “xa lle intentou quitar 63 euros a cada galego para darllos a outras Comunidades máis ricas que a nosa”.

 

 

Escasa sensibilidade” da subdelegada

A industria do aluminio é moi electrointensiva. Isto implica que os seus custos son moi sensibles ao prezo da electricidade. Só as tres sedes de Alcoa supoñen máis do 3% da demanda total da electricidade en España. Por este motivo, lamentaron que, malia ser da Mariña e coñecedora, por tanto, da importancia do mantemento de Alcoa para a economía local e mesmo provincial e autonómica, lamentaron “a escasa sensibilidade” da subdelegada do Goberno.

 

“Nin ela, nin o Sr. Losada foron quen de trasladar aos seus superiores a crónica situación que pode afectar a esta empresa. É unha lástima que a Sra. Rodríguez aínda non se pronunciase ao respecto; o que nos leva á conclusión de que calquera veciño pode comprobar como de nada serve ter aos socialistas no Goberno. Dende logo os mariñanos, e os lucenses en xeral, non lles debemos nada a este PSOE”, afirmaron con rotundidade.

 

Por iso, dende o PP defenden que só un cambio o 28 de abril sería a solución para dar estabilidade ao país en xeral.