Partido Popular de Lugo

O PP pedirá que o Estado revise a proposta do estatuto do consumidor electrointensivo para garantir a actividade económica e o emprego de Alcoa en San Cibrao

20 de marzo, 2019. O Grupo Provincial do PP presentou unha moción para o seu debate no Pleno da Deputación de Lugo na que pide exixir ao Goberno do Estado á revisión da proposta do estatuto do consumidor electrointensivo por ser prexudicial para a central de Alcoa en San Cibrao e poñer en perigo o seu mantemento.

 

Ao mesmo tempo exíxenlle ao Goberno do Estado que dea unha resposta viable e efectiva ás necesidades consensuadas coa industria electrointensiva galega para establecer un marco eléctrico estable e un prezo competitivo para este tipo de empresas, coa necesidade de introducir seguridade no sector e permitir que o conxunto das empresas electrointensivas compitan en igualdade de condicións que o resto das factorías a nivel internacional; co obxectivo de que Alcoa manteña a súa actividade e, polo tanto, o emprego na central de San Cibrao.

 

“Reclamamos que o Goberno do Estado teña un plan serio de traballo, sobre todo nun asunto de tal importancia coma este, tal é como fixo o anterior Goberno do Estado tomando as medidas necesarias, cando xurdiu algunha problemática, para garantir ao mantemento da actividade económica da central de Alcoa en San Cibrao”, remarcan desde o Grupo Provincial do PP. Así, recordan que o propio presidente do Goberno, Mariano Rajoy, mantivo reunións en EEUU para mediar polas fábricas de Alcoa.

 

Importancia vital para a Mariña

Os populares explican que a planta que a multinacional Alcoa ten en San Cibrao ten unha vital importancia para a realidade socioeconómica da comarca da Mariña, xa que supón un emprego directo duns 1.200 traballadores (sumando as fábricas de aluminio e alúmina) e indirectamente estímase que a economía dunhas 6.000 familias depende deste complexo.

 

En outubro de 2018 o grupo Alcoa Inespal anunciaba o peche das súas plantas da Coruña e Avilés. Ante esta situación, desde o Grupo Provincial Popular presentamos unha moción relativa ao mantemento da actividade económica e o emprego das centrais de Alcoa en San Cibrao, A Coruña e Avilés”’, que foi aprobada por unanimidade, pola que se acordou, entre outros puntos, “instar ao Goberno do Estado a que se implique e adopte medidas necesarias para que se dea a estabilidade necesaria para que se siga a garantir o mantemento do emprego e a actividade na factoría de San Cibrao”.

 

Dende outubro de 2018, lonxe de apagar o incendio, as novas medidas propostas polo Goberno do Estado para compensar á gran industria dos elevados gastos eléctricos e, polo tanto, de produción, avivaron o lume. De feito, non son suficientes para igualar os custes cos competidores europeos, explican os populares.

 

A central de San Cibrao, en perigo

Neste senso, o estatuto do consumidor electrointensivo que propón o Goberno do Estado fixo que Alcoa alerte que a súa central sita en San Cibrao está en perigo. E a proposta non foi ben acollida tampouco polos representantes dos traballadores e as administracións autonómicas asturiana e galega.

 

Ante este escenario, son sorprendentes e inauditas as declaracións da Ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, nas que afirma que “o estatuto do consumidor electrointensivo, que contén esas medidas compensatorias, dá unha seguridade a Alcoa sobre o prezo da enerxía”.