20 de marzo, 2019. María José Gómez Rodríguez encabezará a lista do PP en Guntín de cara aos vindeiros comicios municipais do mes de maio tomando o relevo do actual rexedor, Jesús Carreira, que trasladou nunha xuntanza celebrada na tarde deste mércores aos afiliados do PP local e simpatizantes que ateigaron o salón de actos da Casa da Cultura o seu desexo de abandonar a vida política activa.
A máxima dirixente do PP da provincia de Lugo, Elena Candia, que presidiu a reunión na que tamén participou o secretario xeral da formación, Carlos Armesto, ademais de alcaldes da zona, agradece “o traballo, dedicación e bo talante” de Jesús Carreira do que destaca “o seu carácter conciliador no ámbito político e tamén no persoal”. Así mesmo, amosou a súa ledicia porque o Partido Popular lucense incorpore unha muller nova e formada á fronte da candidatura do Concello de Guntín.
Candia defendeu tamén que “o Partido Popular é a garantía para formar gobernos estables”. Nesa liña, non dubida de que “María José Gómez non escatimará esforzos en lograr a confianza dos guntineses para continuar o labor de Jesús ao fronte de Concello” e agarda tamén que “os veciños e veciñas deste concello tamén apoien nas eleccións xerais do vindeiro 28 de abril ao Partido que foi capaz de sacar da crise a España, o Partido Popular”.
O alcalde popular de Guntín explicou que “a pesar de que dende o Partido querían que continuara, é o momento de tomar un descanso e favorecer un cambio”. De feito, asegura que “será un cambio totalmente harmónico. Confío totalmente nas capacidades de María José Gómez, unha persoa intelixente e afable”. Nese sentido, “estou convencido de que é a persoa axeitada para continuar cunha liña de xestión que beneficie aos veciños e veciñas de Guntín”. Carreira non dubida en asegurar que “será mellor alcaldesa ca min”. Para iso, agarda que os veciños e veciñas apoien á nova candidata “tal e como nos teñen apoiado ao meu equipo de Goberno e a min ata o de agora e polo que aproveito para dar as grazas”.
A candidata á alcaldía, pola súa banda, agradeceulle ao rexedor local a confianza e o traballo a prol de Guntín e destacou que “é un referente na provincia e fóra dela”. Así mesmo, sinalou que “é unha excelentísima persoa” e puxo en valor, sobre todo, que “é un alcalde accesible e cercano”. Esa será tamén a liña que pretende seguir María José Gómez ao fronte do Concello rodeada dun equipo que “traballe arreo a pé de rúa” co obxectivo de “mellorar os servizos, as infraestruturas e a calidade de vida dos veciños e veciñas”. De feito, a popular cre que “coñecendo os problemas reais dos guntineses, pódeselles ofrecer unha solución axeitada ás súas necesidades e que nos permitan sentirnos orgullosos dun concello no que merece a pena vivir”.
Os Gobernos do PP, comprometidos con Guntín
A alcaldable popular salienta “o compromiso dos Gobernos do PP con Guntín e os nosos veciños e veciñas” como demostra a achega de máis de 4,2 millóns por parte da Xunta de Galicia no pasado ano 2018. “Destas achegas destacan os máis de 3,7 millóns cos que os agricultores e gandeiros se viron beneficiados na pasada campaña. E o Concello tamén recibiu importantes achegas do Fondo de Cooperación Local e por parte da consellería de Política Social en materia de servizos sociais dirixidas ao mantemento do servizo de axuda no fogar (SAF) ou á mellora na accesibilidade dos edificios públicos.
Currículo
María José Gómez Rodríguez, veciña de Pradedo de Abaixo (Guntín) e de 43 anos de idade, é concelleira dende o 2015. Conta cunha licenciatura en Filoloxía Inglesa e cunha licenciatura e un doutoramento en Humanidades. Desenvolveu o seu labor como profesora de secundaria no IES de Palas de Rei e no instituto de Monterroso do que era vicedirectora no momento de incorporarse como xefa de coordinación cultural na Delegación Territorial de Lugo no 2017. A comezos do 2019, coa creación da consellería de Cultura e Turismo, foi nomeada xefa territorial do departamento.