Partido Popular de Lugo

Manuel Varela formaliza a súa alta nas filas do Partido Popular

20 de marzo, 2019. Manuel Varela formalizou a súa alta nas filas do Partido Popular, polo que o alcalde chantadino pasa así a formar parte desta formación política oficialmente. Trátase, segundo indica, dunha nova situación que resposta a “unha decisión meditada e pensada porque é o mellor para Chantada”.

 

Neste senso, adianta que traballará por seguir traendo servizos para os veciños e mellorar as infraestruturas do municipio. Dentro deste obxectivo, destaca, precisamente, a autovía a Ourense. “Son moitos os anos que levo demandando esta estrada e seguireino facendo nesta nova etapa”, afirma.

 

A presidenta do Partido amosa a súa satisfacción por la reincorporación do rexedor municipal e agradécelle a súa vontade colaboradora. Elena Candia non dubida, ademais, en que supón un fortalecemento do Partido no municipio e neste Partido Xudicial. “Quero destacar a disposición de Manolo. Coa súa incorporación non gaña só o PP, gaña Chantada”, remarcou.

 

Precisamente, a incorporación de Manuel Varela foi dada a coñecer aos afiliados polo presidente local, Javier Medela, nunha reunión celebrada esta mesma tarde. A este respecto, o popular salienta que “damos un paso importante para seguir traballando unanimemente e acadar un bo resultado tanto nas xerais como nas municipais”. “Somos a mellor opción e a máis estable para aportar o que Chantada merece e necesita”, subliña.