19 de marzo, 2019. José Manuel Arias López, alcalde de Bóveda dende o 1999, repetirá como candidato do Partido Popular tras ser elixido por unanimidade polo comité local. O rexedor popular manifesta o seu desexo de “seguir liderando no vindeiro mandato importantes proxectos para o noso municipio” e sinala que “o principal reto de cara ao vindeiro mandato é a ampliación do polígono industrial”.
A máxima dirixente do PP da nosa provincia, Elena Candia, destaca “a implicación coa xestión municipal” do rexedor popular de Bóveda ao que sinala como “un exemplo a seguir para os candidatos que veñen de dar un paso ao fronte na política municipal”. Igualmente, agarda lograr a confianza dos veciños e veciñas do municipio, como vén sendo habitual, nas próximas citas coas urnas: o 28 de abril para lograr un Goberno do PP no Estado e o 26 de maio para “dar continuidade aos proxectos cos que os populares queren facer medrar ao municipio”.
Ampliación do polígono e superficie agrogandeira
O alcaldable do PP en Bóveda sinala que “a posta a disposición doutros 90.000 metros cadrados de solo industrial para a implantación de novas empresas ou para a ampliación das existentes permitirá a creación de máis emprego”. Ata o momento, “a boa xestión do Goberno municipal permitiu abaratar dende os 50 aos 19 euros por metro cadrado a adquisición de solo”. Así, o equipo de Goberno popular amósase “orgulloso” da creación de “preto de 200 postos de traballo” que indican que “imos polo bo camiño”. Na actualidade, as poucas parcelas dispoñibles no polígono atópanse a un prezo de entre 9 e 11,50 euros grazas á aplicación dunha redución do prezo nun 50% por parte da Xunta.
Arias non esquece o resto de sectores e, tendo en conta o carácter gandeiro do municipio, sinala que “estamos traballando xunto coa consellería de Medio Rural, propietarios e gandeiros nun importante proxecto para a ampliación da base territorial das explotacións agrogandeiras que permitirán potenciar o sector”.
Atención aos maiores e fomento da conciliación
O Goberno popular de Bóveda destina entre un 30% e un 40% do orzamento municipal aos servizos sociais. José Manuel Arias aposta, a este respecto, por potenciar o servizo municipal de axuda a domicilio e a posta en marcha de novos proxectos para “seguir atendendo aos nosos maiores” ao tempo que tamén creen máis postos de traballo.
Arias recorda tamén que “o polígono de Bóveda dispón dun Punto de Atención á Infancia (PAI) con bastante demanda”. Visto a súa boa acollida e funcionamento, o popular celebra o seu emprazamento entre o polígono industrial e o colexio; xa que “contribúe a facilitar a conciliación da vida laboral e familiar”.
O Goberno popular da Xunta achegou máis de 1,2 millóns de euros no 2018
Arias pon en valor os investimentos do Goberno da Xunta de Galicia no municipio fronte ao recorte nos investimentos e á paralización das obras á que someteu á provincia o Goberno central do PSOE. Así, o alcaldable popular destaca o 1,2 millóns de euros que a Xunta achegou directamente ao municipio de Bóveda.
As achegas de medio rural aos gandeiros do municipio ascenden no 2018 a máis de 670.000 euros incluíndo axudas directas ao sector, agroambientais ou as dirixidas a plans de melloras, entre outras. Entre as restantes achegas, destaca os máis de 183.000 euros que recibe o Concello de Bóveda con cargo ao Fondo de Cooperación Local ou os máis de 151.000 euros que recibe o municipio da man da consellería de Política Social.