9, marzo, 2019.- O candidato á alcaldía do PP de Láncara, Santiago Cubillas, e a presidenta provincial do partido, Elena Candia, formalizaron onte a integración no partido de Carlos Fernández Díaz, ‘Meilán’, quen formará parte como número dous da candidatura coa que o PP concorrerá ás vindeiras elección municipais do mes de maio.
O independente leva tres mandatos formando parte da Corporación municipal, polo que tanto desde a dirección provincial do PP como desde o Grupo Municipal valoran a súa experiencia e agradecen que se sume ao proxecto popular. A presidenta do PP de Lugo, Elena Candia, dálle as grazas “por querer sumar” e polo compromiso amosado.
Carlos Fernández Díaz xa formalizou a súa alta no Partido Popular como afiliado. Ao longo destes anos concorreu ás eleccións en diferentes candidaturas, pero sempre como independente. Nesta ocasión formará parte da lista como afiliado do PP, tras ter tramitado a súa alta.
Catro anos perdidos
Santiago Cubillas dálle a benvida ao equipo afirma que con esta incorporación os populares “traballaremos para recuperar a alcaldía de Láncara despois de catro anos perdidos cun Goberno local que será recordado pola súa pobre xestión”.
Destaca a “boa afinidade” que existe con Carlos Fernández e os “obxectivos comúns”que os levarán a presentar un proxecto político para Láncara que teña aos veciños e veciñas como protagonistas, así como a mellora da súa calidade de vida para poder así deixar atrás a un Goberno local “que nunca pensou neles”.