Burela, a 8 de marzo de 2019.- O Grupo Municipal Popular de Burela ven denunciando reiteradamente nestes últimos catro anos “a desidia e a parálise na xestión por parte do alcalde de Burela para resolver os problemas que se presentan no día a día da vida municipal”. Neste caso, os populares advirten de dous exemplos ben visibles: por un lado sinalan “a presencia de goteiras na igrexa da Vila do Medio” e, por outro, “o mal estado que presenta o paseo marítimo do Perdouro”.
Os edís populares afirman que “o alcalde xa foi avisado non unha nin dúas veces senón máis por parte de persoas que coñecen ben a igrexa; pero non se fixo nada ao respecto”. Así, demandan actuacións urxentes e entenden que “dende a alcaldía deberían falar con Patrimonio para ver se o Concello pode actuar directamente para resolver os problemas de goteiras ou, en todo caso, debería habilitar as fórmulas precisas para solucionar o asunto e evitar o deterioro da igrexa”. A este respecto, recórdanlle ao concelleiro de Cultura que “esta non se limita só a organizar eventos culturais de pago”.
Paseo Marítimo do Perdouro
“O Paseo Marítimo do Perdouro presenta na actualidade un estado case lamentable. O chan conta con baldosas rotas, tamén na zona próxima ao Cantiño, as madeiras están moi deterioradas e os equipos do parque biosaudable tamén se atopan en mal estado. Incluso a herba está sen rozar”, sinalan dende o Grupo Municipal Popular.
“Todo isto, o referido á parte de limpeza e desbroce, é competencia municipal e o resto de Costas do Estado, dependente do Goberno do Estado”, aclaran. Polo tanto, demándanlle ao alcalde que “se aplique e, se non o fai, a ver se o concelleiro de turismo, o señor Fernández Rey, ou a concelleira de Medio Ambiente, a señora Ben Vázquez, lle poñen remedio a isto”, conclúen dende o Grupo Municipal do PP de Burela.