7 de marzo, 2019. O portavoz adxunto do Grupo Popular no Senado na lexislatura que acaba de rematar e membro da Deputación Permanente, José Manuel Barreiro, manifestou este xoves que o mandato de Pedro Sánchez “desgraciadamente foi unha lexislatura fallida e chea de agravios para a nosa provincia”. Así o puxo de relevo nunha rolda de prensa na que estivo acompañado dos compañeiros lucenses na Cámara Alta e o deputado no Congreso na pasada lexislatura Joaquín García Díez, ademais do candidato do PP á alcaldía de Lugo, Ramón Carballo.
“Se os medios recollían como un erro do Goberno socialista a resposta negando a solicitude da Xunta da creación dun novo xulgado do social na cidade de Lugo cando quedou probada documentalmente polo Goberno galego, tamén podemos dicir que foi un erro a lexislatura de Pedro Sánchez”, afirmou con rotundidade.
“Non se cumpriu absolutamente con nada”
O popular indicou que “foi un erro toda a lexislatura porque non se cumpriu absolutamente con nada da nosa provincia cando o único que pediamos nesta lexislatura era que os orzamentos, que afortunadamente non se aprobaron, recolleran o mesmo que o Goberno de Rajoy incluíra nas contas do ano 2018 e na temporalización deses orzamentos para o 2019”. É dicir, o que demandaban os populares era o mesmo que o anterior Executivo tiña comprometido xa con Lugo; pero, tal e como remarcou Barreiro, “nin iso: nin novo xulgado do social, nin nova comisaría de Policía, nin avances na alta velocidade nin no resto de infraestruturas de comunicación na provincia. É máis, nas contas presentadas polo socialista para o ano 2019 non só non se recollían os compromisos plurianuais para este ano, senón que había unha rebaixa de arredor do 30%”, destacou.
“Pasividade” do PSOE
Deste xeito, Barreiro dixo que “non deixa de ser chamativo” que os representantes socialistas nesta provincia tomen unha “actitude de pasividade” con respecto ao comportamento do titular socialista en relación á nosa provincia. “A alcaldesa de Lugo chegou a dicir que solicitou unha entrevista á ministra de Xustiza para falarlle da implantación do xulgado do social, pero parece ser que esta non ten a ben escoitala nin recibila”. Igualmente, “fai poucos días estivo aquí a vicepresidenta do Goberno e tiña unha oportunidade magnífica para explicar os compromisos con esta provincia, pero non o fixo. E fai poucos días veu tamén o secretario de organización do PSOE e ministro de Fomento para presentar o proxecto da estación intermodal nun acto de deslealdade coa Xunta de Galicia dende o punto de vista institucional”. Seguidamente, matizou que a relación de anuncios que realizou Ábalos non avalan o que dixo a vicepresidenta, pois “tanto os compañeiros do Congreso coma os senadores populares de Lugo formulámoslle unha serie de preguntas ao Goberno para que nos indicara cal era o estado de cada unha das actuacións comprometidas polo Goberno de Mariano Rajoy en relación con esta provincia; pero as súas respostas foron cero, ningunha”.
Polo tanto, subliñou que “nestes oito meses sobre os compromisos que había coa provincia non se fixo nada. Tal e como teño dito noutras ocasións, nada lle debemos os lucenses ao Goberno de Pedro Sánchez nin aos compromisos dos propios socialistas desta provincia porque non existiron”.
Ámbito nacional
“A lexislatura veuse caracterizada no ámbito nacional, tal e como se reflexa tamén en Lugo, pola non defensa da soberanía nacional, a falta de compromiso coa igualdade dos españois e a unidade nacional e, en consecuencia, caracterizada pola alianza con aqueles que querían e seguen querendo romper España”, segundo manifestou o senador lucense. “Esta parece que vai a ser a tónica xeral tamén despois das vindeiras eleccións se o señor Sánchez ten a posibilidade formar Goberno, o que agardamos que non sexa así”.
En relación á situación da economía española, Barreiro recorda que, xa nun debate coa ministra, ten manifestado “a apreciación de indicios dunha nova etapa de recesión económica coas consecuencias que iso implica en materia de crecemento económico, de creación de emprego, de evolución industrial ou de consumo”. “Desgraciadamente, estes días estamos asistindo á publicación de indicadores que poñen de manifesto esta circunstancia perigosa para a nosa economía que acaba de ter un reflexo negativo en termos de emprego”, engadiu.
Goberno liderado polo PP e voto útil
O popular cre que “afortunadamente para os españois e para os lucenses estes meses están chegando ao seu fin e confiamos en que o Goberno que saia das urnas sexa un Goberno presidido por Pablo Casado porque xa comprobamos que Sánchez está disposto a aliarse, unha vez máis, co independentismo”. Así a única saída válida para garantir o futuro dos españois e dos lucenses é que o Goberno estea liderado polo Partido Popular comprometido coa defensa do interese xeral e non un ocupado en facer concesións aos independentistas e o asentamento persoal”.
Barreiro aposta por “traballar para explicarlle ao conxunto da sociedade lucense que a única vía posible para conseguir esa estabilidade que garanta o futuro é a que representa o Partido Popular” e, polo tanto, apela ao voto útil, “aquel dirixido á defensa da estabilidade que foi o que fixemos dende o Congreso e dende o Senado”.
Día Internacional da Muller
Na véspera do Día da Muller, Barreiro aproveitou para trasladar a vontade do Partido Popular de traballar na procura da igualdade de homes e mulleres. Neste senso, aclarou que “se ten avanzado xa co Goberno de Rajoy que tomou medidas importantes para contribuír nese proceso por acadar a igualdade e para o que aínda hai moito que facer. Por poñer un exemplo claro, a maior contratación indefinida de mulleres deuse grazas ás medidas do Goberno do Partido Popular; mentres que a maior perda de contratación feminina se da co Goberno de Sánchez”.
“Baixo un falso progresismo, algúns queren atribuírse a exclusividade da defensa da muller; pero os seus feitos demostran xusto o contrario. Nos traballaremos a prol da igualdade real a través da igualdade de oportunidades en termos de emprego”, concluíu o popular.