Partido Popular de Lugo

Os populares de Burela valoran “moi positivamente” o anuncio da licitación do segundo martelo de abrigo do Porto e da ampliación da nave de redeiras

Burela, a 6 de marzo de 2019.- A agrupación do PP de Burela agradece e valora “moi positivamente” a visita do delegado territorial da Xunta de Galicia, José Manuel Balseiro, ao que acompañamos o pasado luns no anuncio da licitación do segundo martelo de abrigo do Porto e no anuncio sobre a ampliación da nave de redeiras.

O presidente local e candidato do PP á alcaldía de Burela, Manuel Rouco, recorda que “estes son uns dos asuntos que máis lle demandou o sector marítimo-pesqueiro o pasado ano 2018 á agrupación local do Partido e que, trasladadas á administración autonómica, empezan a ver a luz poucos meses despois a comezos deste 2019”.

Outros proxectos en beneficio dos veciños e veciñas

Rouco engade, por outra banda, que “non só podemos valorar positivamente estes macroproxectos senón tamén outros proxectos de menor envergadura que melloran o día a día dos veciños e veciñas de Burela”. Estes poden ser “o camiño visitado este luns polo delegado da Xunta e que pon en valor os barrios do Barridal e da Vila do Medio. Este camiño foi executado dentro do Plan Marco xunto a outros coma o que une o barrio da Casilla cos Castros ou o camiño do circuíto a Campo Capelo”, conclúe.