Partido Popular de Lugo

Isaac Lamas defenderá de novo o proxecto do PP para Ribas de Sil

Isaac Lamas defenderá de novo o proxecto do PP en Ribas de Sil onde é portavoz do Grupo Municipal Popular dende o 2015 e concelleiro dende o 2011 ao encabezar por segunda vez a candidatura popular no municipio.

A máxima dirixente do PP da nosa provincia, Elena Candia, agradece “o seu traballo nos últimos oito anos dende a corporación municipal defendendo os intereses dos seus veciños e veciñas e tamén os do Partido Popular”. A presidenta dos populares lucenses destaca a súa formación e capacidade de traballo e amósalle a súa confianza para afrontar uns novos comicios “coa mirada posta en acadar a confianza dos ribasilenses para facer posible un cambio de goberno”.

Lamas afronta novamente a responsabilidade de liderar a lista do populares no municipio amosando así o seu compromiso co Partido e cos veciños e veciñas aos que pretende ser de utilidade. Como non podía ser doutro xeito, o popular defende “a prestación duns servizos sociais que cubran as necesidades de pequenos e maiores” e o mantemento dos servizos básicos nos distintos núcleos de poboación. Tamén cre que “un goberno local do PP facilitaría unha colaboración máis estreita coa Xunta na procura de beneficios para todos os ribasilenses”.

Potencial turístico
Un dos principais retos para un concello coma o de Ribas de Sil é o de “frear a perda de poboación”, indica o alcaldable. Nese senso, aposta por “fomentar as potencialidades do concello e aproveitar os seus recursos para desenvolver un sector turístico en consonancia cos municipios da zona”. De feito, o candidato popular lembra que a Xunta declarou á Ribeira Sacra Ben de Interese Cultural (BIC) para que opte a ser declarada como Patrimonio Mundial da Humanidade “o que podería supoñer grandes oportunidades para o municipio”. E, igualmente, amósase convencido da importancia e repercusión que ofrecerá a Ribas de Sil a declaración das Montañas do Courel como xeoparque internacional. “O proxecto impulsado de forma conxunta cos concellos de Folgoso do Courel e Quiroga gobernados polo Partido Popular xa foi recoñecido como aspirante a Xeoparque da Unesco en recoñecemento do valor xeolóxico do noso territorio”.

A residencia de maiores, sen abrir debido aos problemas internos do PSOE
Isaac Lamas censura que “a pesar de que o edificio está rematado, a residencia da terceira idade de Ribas de Sil permaneza pechada debido aos problemas internos do Partido Socialista na Deputación Provincial”. Nese sentido, lamenta que “os novos veciños e veciñas non poidan facer uso desas instalacións, que ademais xerarían postos de traballo, por culpa da mala xestión do PSOE”. Sobre este asunto, o popular defende un convenio de xestión “o máis favorable para os usuarios economicamente”.

Currículo
José Isaac Lamas Álvarez estudou Ciencias Políticas e traballa nun negocio familiar en Ribas de Sil. Con 37 anos leva 16 vencellado ao Partido Popular onde comezou a militar con 21 como membro de Novas Xeracións.