Partido Popular de Lugo

Manuel Rouco valora positivamente as actuacións da Xunta no Centro de Saúde e na vía de acceso ao porto

Burela, a 1 de marzo de 2019.- Manuel Rouco, candidato do PP á alcaldía de Burela, manifestou hoxe a súa “satisfacción polas actuacións que a Xunta está levando a cabo no Centro de Saúde e na vía de acceso ao porto”.

O candidato popular indicou que “a Xunta está facendo traballos de mantemento e conservación do Centro de Saúde que no seu día lle solicitamos á Delegación Territorial da Xunta en Lugo. Algúns destes traballos eran precisos e as actuacións no seu conxunto servirán para ter en bo estado o centro que foi construído a principios de século cun goberno municipal do PP. Por certo, sorprende que segundo as nosas informacións o alcalde, que di estar tan preocupado pola sanidade pública, non se dirixira formalmente á Xunta para pedir estas actuacións”.

Manuel Rouco tamén valorou a actuación da Xunta na vía de acceso ao porto: “estase procedendo ao desbroce de maleza e retirada da mesma, para manter a vía en boas condicións de uso pola importante cantidade de vehículos que o empregan a diario. En cambio, o alcalde aínda non foi capaz nin tan sequera de dicir que quería facer nas rotondas desta vía para colocar algún elemento alegórico ao porto. Teño que lembrarlle que no Berbés está o molde da reconstrución do faro, e tamén hai un anaco do faro primitivo, que podían ser empregados como elementos ornamentais nas rotondas, con panel explicativo incorporado”.

Rouco afirmou que “o compromiso da Xunta que preside Núñez Feijóo con Burela é incuestionable. Aí están as obras da segunda fase de ampliación do Hospital que van a moi bo ritmo”.