28, febreiro, 2019.- O PP renova o 50% dos candidatos dos concellos incluídos no partido xudicial de Vilalba, con respecto ás eleccións de 2015. Deste xeito, ademais do cabeza de lista do municipio citado, pois malia que, na actualidade é alcalde, nas pasadas municipais non concorriu aos comicios como alcaldable, Xermade e Muras son os outros elexidos que se estrean no cargo.
Os seis candidatos, que foron presentados hoxe e estiveron arroupados pola dirección provincial, así como polo secretario Xeral do PPdeG, Miguel Tellado, son: Agustín Baamonde (Vilalba), Eugenia Requeijo (Muras), Armando Castosa (Cospeito), Antonio Riveira (Xermade), José Ulla, (Begonte) e Xosé María Teixido (Guitiriz).
Asemade, e como novidade, a formación política incorpora, por primeira vez, unha muller. Trátase da candidata de Muras. Elena Candia agradeceu aos compañeiros alcaldables que desen “este paso”, sobre todo, “porque somos conscientes de que é un reto importante e que require un compromiso co Partido, pero tamén cos veciños, que son os que realmente contan para a nosa estratexia política e de goberno”, indicou.
Neste senso, a dirección provincial subliñou que á hora da súa elección se perseguiu tamén combinar experiencia e xuventude, xa que “entendemos que esta é a mellor maneira para acadar un bo resultado nas municipais”.
Nesta liña, e nun concorrido acto, todos os candidatos coincidiron en sinalar que afrontan os vindeiros comicios con gañas e ilusión, poñendo a disposición do Partido e dos seus veciños toda a súa vontade para seguir gobernando donde xa o fan e chegar ao goberno onde son oposición.
“A provincia que ti queres”
No encontro participaron, ademais, afiliados, interventores e apoderados dos seis concellos que integran esta circunscripción. Trátase do primeiro dos seis que manterá a dirección provincial, co fin de elaborar un existoso programa electoral de acorde ao que precisan os lucenses. O obxectivo, sinalou a dirixente dos populares, é construír “un verdadeiro proxecto de provincia, pois só así seremos capaces de dar unha resposta axeitada ás demandas dos cidadáns dende administracións como a Deputación” que, malia non ser de elección directa o seu goberno, si que depende dos resultados de maio.
Os populares quixeron, deste xeito, comezar en Vilalba este programa de encontros porque, “sen lugar a dúbidas, se alguén defendeu as nosas siglas e traballou por esta provincia e polos galegos, ese foi o noso presidente fundador e veciño deste municipio, Manuel Fraga”. “Esta xuntanza pretende ser tamén un tributo a Don Manuel”, puntualizou Candia.
“Tal e como di o lema destes encontros, o que queremos é conquerir A provincia que ti queres, porque estamos convencidos que só #CoPPaProvinciaGaña e #TodosGañamos”. A dirección provincial continuará nos vindeiros días a rolda de presentación de candidatos nos restantes partidos xudiciais, de tal xeito que o próximo encontro será na Montaña.
Gobernos necesarios do PP
Nunha mensaxe unánime e cargada de entusiasmo polos procesos electorais que veñen, os populares coincidiron en sinalar que “son a única forza estable e capaz de aportar coherencia e xestión aos gobernos”. A este respecto, puxeron como exemplo o investimento que realizou a Xunta de Galicia en 2018 nos municipios citados e que ascende a 27 millóns de euros (Muras: 1.924.668 euros; Vilalba: 8.381.558 euros; Cospeito: 4.363.670 euros; Xermade: 3.731.374 euros; Begonte: 2.347.356 euros; e Guitiriz: 6.255.573 euros).
Xa, máis polo miúdo, Elena Candia tamén puxo en valor o traballo realizado polo seu Grupo na Deputación, que foi “necesario e decisivo para que os socialistas, que están en minoría e tamén inmersos na súa política de egos e de triquiñuelas internas, executasen nestes seis concellos as obras e actuacións incluídas no Plan Único ou no Plan Provincial de Estradas.
“Creo que este traballo nos dá o aval de que somos necesarios nas administracións e aportamos solvencia na xestión. Os últimos tempos, e aquí xa falo máis como voceira na Deputación, asistimos a episodios totalmente kafkianos, motivados por un PSOE roto, un PSOE rencoroso cos seus e un PSOE máis preocupado por manterse na institución que por facer da Deputación unha administración útil á provincia. Agardamos reverter esta situación en maio e aplicar o proxecto de provincia que iniciamos como oposición construtiva e necesaria, e que hoxe consolidamos con esta rolda de encontros”, concluíu a presidenta.