27 de febreiro, 2019.- A candidata do PP á alcaldía de Muras, Eugenia Requeijo, pon en valor os investimentos da Xunta de Galicia que supoñen “un maior investimento por parte do Goberno galego en Muras que o total do orzamento municipal”; xa que o ente autonómico achega arredor de 2 millóns de euros.
Requeijo sinalou que “a Xunta investiu máis de 400.000 euros en proxectos de redes de abastecemento de auga coas que se ven beneficiados os veciños de A Bidueira, Abelaira, Cabanela e Ucheiras e na dotación de caldeiras de biomasa na casa consistorial e na Casa do Rouco”. Trátase de achegas con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental.
A popular recordou, así mesmo, que o Executivo de Feijóo aposta polo fomento do emprego con achegas que superaron no pasado exercicio os 300.000 euros. Igualmente, indicou que “o Concello de Muras percibiu máis de 150.000 euros para a prestación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF)” e puxo tamén en valor “as axudas directas ao sector agrícola e gandeiro, un dos principais motores económicos das familias de Muras, aos que a Xunta aportou ao longo do 2018 arredor de 900.000 euros”.