Partido Popular de Lugo

Os populares lamentan que PSOE e BNG non apoien medidas para dar solución ao problema dos ocupas

26 de febreiro, 2019. O Grupo Provincial Popular lamenta que PSOE e BNG se opoñan a adoptar medidas fronte aos ocupas ao absterse na votación dunha iniciativa dos populares destinada a combater a ocupación ilegal de vivendas e garantir o dereito da propiedade, a seguridade de persoas e bens e a convivencia social. Así, critican que “se poñan do lado das persoas que delinquen e se posicionen contra os dereitos das persoas que ven as súas vivendas ocupadas” e convídanos a “explicarlles aos veciños afectados e vítimas destas ocupacións o motivo polo que non apoian esta iniciativa”.

 

Dende o Grupo Provincial do PP recordaron que os populares teñen anunciado a presentación no Congreso dos Deputados dunha Proposición de Lei Orgánica que no seu articulado establece entre, outras medidas, un procedemento exprés para o desaloxo máis rápido das persoas que usurpan unha propiedade de forma ilegal ou irregular nun prazo de 24 horas, o endurecemento de penas e a axilización dos procedementos para a recuperación das vivendas ocupadas. “Pídese tamén a equiparación do dereito de persoas xurídicas ao de persoas físicas; xa que ata o de agora se a propiedade usurpada pertencía a unha comunidade de bens ou comunidade de veciños tiñan trabas que ralentizaban a recuperación desa propiedade”, engaden.

 

“De aprobarse esta normativa facultaría tamén ás comunidades de propietarios cando os ocupantes ilegais realicen actividades molestas ou incívicas para garantir unha correcta convivencia veciñal. Ademais, considera nula a inscrición no padrón municipal cando a persoa sexa ocupa ilegal modificando, para iso, a lei de réxime local. Con todo, esta proposición de lei non regula os desafiuzamentos a hipotecarios nin a arrendatarios –é dicir, garante os dereitos dos hipotecados sobre os dos bancos- nin ten como obxectivo regular os coñecidos precarios” e deixan claro que “esta normativa tampouco nada ten que ver coa que se aprobou para a protección das persoas en situación de emerxencia social ou especial vulnerabilidade habitacional recollidas en normativas aprobadas polo PP”, defenderon os populares.

 

“Fronte á pasividade e incluso permivisidade do Goberno local de Lugo e dos mal chamados “alcaldes do cambio”, esta Proposición de Lei evitaría situacións como as acontecidas na cidade amurallada en varios barrios nos últimos tempos onde incluso os veciños se organizan para evitar a ocupación das súas vivendas”.

 

Os populares cren que “unha cuestión clara é que cando se produce unha ocupación ilegal estase a realizar un acto contrario a dereito e, por iso, dende o PP non podemos permitir que esta políticas de cambio consintan esta ocupación como situación tolerable ou permisible que pasa por riba dos dereitos da cidadanía”. Nese senso, esta moción pretende “combater o alarmante e crecente problema da ocupación de vivendas, loitar contra as mafias e a delincuencia asociada á mesma e garantir así, a propiedade privada, a convivencia e a seguridade”.

 

“É unha situación real”

Dende o PP aseguran “o problema de ocupacións de propiedades de persoas físicas ou xurídicas é real. Non estamos alarmando, senón recollendo unha problemática dos cidadáns que vén como as súas casas son ocupadas e algúns políticos miran para outro lado. Non é un problema puntual, a realidade de Lugo nos últimos meses é que en distintos barrios como A Cheda, Marqués de Ombreiro, A Milagrosa, a Residencia, ou o das Gándaras os veciños facían mesmo concentracións para esixir que se garantan os seus dereitos e apoio ás administración ante esta situación de indefensión. O dereito á vivenda e á propiedade privada están recollidos na Constitución, pero alcanzar un non debe ir en detrimento do outro”, manifestaron os populares.

 

Así mesmo, dende o Grupo Provincial do PP cren que “permitir a ocupación por parte dalgunhas persoas dunha vivenda que destrozan ou mesmo que xa ocupan unhas que non reúnen as condicións de habitabilidade si que contribúe á exclusión social”.

 

Políticas de vivenda

Por outra banda, indicaron dende o Grupo do Partido Popular na institución provincial que esta moción non vai en contra da mellora doutras políticas sociais ou de vivenda. É máis, os populares cren que é compatible con “políticas que garantan unha vivenda digna”.

 

Ao respecto da falta de medidas por parte do Concello de Lugo na defensa de moitos veciños afectados, recordan os populares que “a alcaldesa non fai nada en materia de vivenda. É certo que non ten competencia na materia, pero tivo oportunidade de sumarse ao programa da Xunta de vivendas baleiras, pero negouse a participar porque é unha proposta do PP”, lamentaron. Nese sentido, advertiron que “tivo a alcaldesa ocasión de mostrar sensibilidade cando a oposición lle dixo que incrementara axudas ao alugueiro porque hai familias que quedan sen axudas a pesar de cumprir cos requisitos, pero negouse dicindo que non é competencia súa”.

 

Tamén indicaron os deputados populares que “tivo a alcaldesa a oportunidade, en materia de seguridade, de ter proposto algunha medida con respecto a este problema a través da súa ordenanza de civismo que ela mesma retirou”.