Partido Popular de Lugo

O PP pídelle ao PSOE que non confunda aos veciños e non politice un acordo histórico para Lugo e o Campus Terra

26 de febreiro, 2019. O Grupo Provincial Popular pídelle ao deputado e secretario xeral do PSdeG-PSOE, Álvaro Santos, que non confunda aos veciños e veciñas nin politice un acordo histórico para Lugo e o seu Campus Terra. Os populares advirten que “é perigoso que vostede confunda á xente en temas tan importantes” porque “está faltando á verdade” tal e como xa llo dixo o propio reitor da Universidade de Santiago de Compostela.

 

É máis, a voceira dos populares, Elena Candia, pediulle que “se sumase ao consenso con achegas construtivas”, pero “os socialistas rexeitaron a nosa proposta para apoiar o proceso aberto entre a Xunta e as tres universidades para definir un Mapa de Titulacións acorde coas necesidades de cada campus e defender titulacións atractivas e vencelladas á especialización do Campus Terra para reducir a actual perda de alumnado”. Ademais, dende o Grupo Provincial Popular pedíronlle ao Grupo Socialistas que rectificase porque votar a favor da súa moción é votar en contra da implantación do grao de Robótica ou o de Empresa e Tecnoloxía; ademais do investimento de máis de 10 millóns de euros tal e como está programado para o Campus de Lugo”.

 

Dende o Grupo do PP recordaron que “a información sobre a posible redución de titulacións no Campus Terra da USC comezou neste mes de febreiro por parte do secretario xeral do PSOE lucense advertindo do navallazo do PP. Así comezaba o señor Álvaro Santos esta película instaurado no ataque ideolóxico e partidista en lugar de consultar aos que están máis lexitimado para intervir ao respecto. De feito, dende a propia universidade e o Goberno galego responderon para aclarar, sobre un tema onde o PSOE quería xerar conflito a pesar de que non o había, negando a perda de titulacións no campus lucense”, explicou Candia.

 

Os populares lamentan que “os socialistas queiran pasar por riba dos técnicos ignorando a folla de ruta marcada polos reitores das tres universidades galegas, o propio conselleiro de Educación ou mesmo dos funcionarios. Parece que ten que ser o que diga Álvaro Santos, senón acusa a Feijóo de intentar matar Lugo a pesar de que a nosa provincia sempre que o presidente se presenta ás eleccións lle volve a explicar ao PSOE que segue confiando nel”, incidiu Candia. Ademais, recordoulle tamén a Santos que “este acordo consensuado marca unha folla de ruta positiva para a nosa provincia. Incluso así llo parece a Abel Caballero, un socialista dos que gaña, que dixo que a Xunta está facendo discriminación positiva con Lugo”. É dicir, “o señor Álvaro Santos non convence a ninguén, nin sequera ao seu propio Partido”.

 

Recoñecemento a Cacharro

Dende o PP entenden que “non se trata dun recorte, senón dunha reorientación das titulacións que teñen máis demanda no mercado de traballo”. Polo tanto, trátase dunha planificación mellor para a nosa provincia, pero que ao señor Álvaro Santos non lle gusta porque nunca lle gusta o que fai o PP”. Nesa liña, cabe recordar que foi Francisco Cacharro, presidente desta institución, o artífice de que Lugo conte cunha universidade que “incluso debería levar o seu nome como referente e peza clave. Vostede, pola contra, non pasará á historia por grandes logros ou logros similares e pedímoslle que non intente politizar esta folla de ruta consensuada e que, en todo caso, se quere mellorala faga aportacións como as que fixo onte mesmo o candidato do PP á alcaldía de Lugo, Ramón Carballo”.

 

Apoio económico ao Campus Terra

Os representantes do PP na institución provincial tamén lamentaron o anuncio do deputado e secretario xeral do PSOE lucense e da alcaldesa de Lugo de negarlle calquera apoio económico á universidade. E a este respecto, recordáronlle que “non está lexitimado para unha afirmación tan contundente porque non ten capacidade suficiente para facer o que lle dea a gana” en relación á condición de Goberno do PSOE en minoría.

 

Así mesmo, recórdanlle ao deputado socialista dende o Grupo Popular na corporación provincial que “incluso vostede mesmo é coñecedor, xa que o Goberno Provincial está a aportar diñeiro público con ese fin, de que a perda de alumnado no Campus de Lugo é unha realidade”. Polo tanto, debería “agradecer e non criticar a implantación de titulacións atractivas para que o alumnado poida aproveitar o campus lucense”.

 

Novos graos

A voceira do Grupo Provincial Popular aclarou que no 2018 entrará a impartirse o grao en Paisaxe e sairá do mapa de titulacións o grao en Xeomática e Topografía; no 2019 entra o grao en Robótica e sae de Xestión de Pemes; mentres que no 2020 entran no Campus de Lugo o grao en Empresa e Tecnoloxía, en Xestión Cultural e en Bioquímica cando sairá o grao en Ciencias da Cultura.