Partido Popular de Lugo

O PP lamenta que a Deputación de Lugo siga votando en contra da rehabilitación estrutural da Casona do Incio e incumpra os acordos do Pleno

26 de febreiro, 2019. O PP lamenta que a Deputación de Lugo siga votando en contra da rehabilitación estrutural da Casona do Incio e incumpra os diversos acordos que ten adoptado o Pleno.

 

O deputado José Antonio García explicou que “levamos doce anos esperando e os veciños xa non cren nos seus acordos nin as súas promesas incumpridas. Insistimos na necesidade de facer un proxecto de rehabilitación, non de reconstrución, que é o que queren os veciños. Deixemos de darlle voltas e dotemos a Suplusa de medios económicos para levar estas obras adiante”.

 

A falta de xestión da institución que dirixen os socialistas levou aos populares a esixirlles en Pleno da Deputación de Lugo que se encomende á Sociedade Urbanística Provincial de Lugo, S.A. a rehabilitación estrutural da Casona do Incio e que se leve a cabo neste ano 2019. A moción do PP foi aprobada pese ao voto en contra do PSOE.

 

Desde o PP defenderon que se debe executar o convenio asinado no ano 2006 entre a Deputación, Suplusa e o Concello, no que se establece o compromiso da Administración provincial de executar as obras de recuperación integral da Casona, mantendo a súa estrutura orixinal, sen derrubalas.

 

Crean inseguridade xurídica e política

O deputado do PP precisou que a proposta do PSOE sobre o inmoble “é ilegal e inmoral”. “Non están lexitimados para esixir esa cesión ao propietario de firma gratuíta e ademais non soluciona os problemas pendentes para o seu traslado. Tómanlle o pelo aos veciños do Incio e di que o que hai é que facer un novo convenio. O único que segue valendo é o convenio rubricado entre Deputación e Concello. É unha tomadura de pelo. Falan de 200.000 euros que é menos aínda que o anterior para facer algo. Tanta pose non é posible e a súa proposta é apelar á inseguridade xurídica. Coas súas denuncias e acordos en Xunta de Goberno xa ve onde están as residencias logo das dúbidas sobre Suplusa. A inseguridade xurídica é a que crean vostedes con denuncias e ameazas e demandas que van perdendo por sistema”, precisou.

 

“Crean inseguridade xurídica e política e os veciños terán que seguir poñendo velas esa é a súa solución unha cesión gratuíta ilegal que propoñen. Tiveron a presidencia de Suplusa e a da Deputación na mesma persoa sen dúbidas sobre as competencias e tampouco foron capaces de facelo. Onde está o modelo para facer estas obras durante doce anos.? Onde está definido o uso? Necesitan doce anos máis para definir o uso? Onde estaban estes doce anos? Onde estaban antes do problema que teñen con Suplusa? Non había problema, só que non teñen vontade de cumprir cos veciños e deberalles caer a cara de vergoña”, censurou o popular.

 

Vergoñento estado de abandono

O Partido Popular esixe que “dunha vez por todas”, a Deputación de Lugo cumpra este ano coa súa obriga de rehabilitar a Casona do Incio, un edifico, situado no centro da capitalidade municipal e propiedade da administración provincial, sobre o que os Gobernos socialistas non actuaron dende hai doce anos e que, polo tanto, presenta hoxe en día “un vergoñento estado de abandono”.

 

A rehabilitación estrutural da Casona do Incio é unha reivindicación tanto do PP local como provincial, así como dos veciños do municipio que mesmo teñen saído á rúa para pedirlle ao Goberno socialista que rehabilitase o edificio. Ademais do convenio do ano 2006, no que se regula o compromiso da Deputación de actuar neste inmoble, existen varios acordos plenarios, que obrigan ao executivo provincial a acometer as obras necesarias no edificio da Casona. Os populares denuncian que o Goberno socialista ignore “tanto o convenio como os diferentes acordos plenarios, o último aprobado en xuño do 2018 a iniciativa do PP”.