Partido Popular de Lugo

“Fronte a aqueles que se afanaban en dicir que íamos pechar o Hospital, un Goberno do PP sitúao como un centro de referencia no mapa sanitario galego”, remarca Lemos

26, febreiro, 2019.- O candidato á alcaldía de Monforte de Lemos, Miguel Lemos, pon en valor o “extraordinario” investimento anunciado pola consellería de Sanidade para acometer o acondicionamento do hospital comarcal, e que ascende a 15 millóns de euros. Para o popular, esta “non é unha cuestión menor, pois demóstrase que os Gobernos do PP si que teñen en conta as reivindicacións dos monfortinos”. “Os feitos son os que dan e quitan razóns, polo que, estes días coa visita do Sr. Almuíña, todos aqueles argumentos esgrimidos por algúns quedaron totalmente sen valor algún”, sinala.

 

O alcaldable fai esta valoración, amosando a súa satisfacción por dita iniciativa e insiste en que, “fronte aos que se afanaban en dicir que o PP pretendía pechar o Hospital, non só non é así, senón que imos ter un centro totalmente renovado, con mellores servizos e unhas instalacións que o situarán como un hospital de referencia no mapa sanitario galego”, remarca.

 

Información de primeira man para a cidadanía

Deste xeito, e dada a importancia que supón a execución desta reforma para a mellora da calidade asistencial dos usuarios, o popular anuncia que mañá, mércores, ás 20:00 horas, no restaurante Don Manuel, o grupo do PP organiza unha charla informativa, aberta a toda a cidadanía, para que os veciños, “que deben e son os primeiros beneficiarios” da actuación da Xunta, coñezan de primeira man en que consiste a medida proxectada. No acto, participarán, ademais do alcaldable, a deputada autonómica, Encarna Amigo, e o médico Alejandro Sousa.

 

“Creo que é bo que os monfortinos saiban que as obras comezarán nos vindeiros meses e que un dos servizos que máis se verá beneficiado é o hospital de día, no que reciben quimioterapia os doentes oncolóxicos”. Concretamente, a Xunta de Galicia pretende aplicar as mesmas reformas que dita administración está a levar a cabo nos últimos anos na rede sanitaria pública galega, entre as que se inclúe o impulso da asistencia ambulatoria e a mellora das condicións de ingreso dos doentes.

Neste senso, para o alcaldable tamén é destacar que as obras non alterarán o funcionamento dos servizos. Comezarase por anatomía patolóxica, farmacia e o hospital de día; tres áreas nas que os traballos que a consellería prevé executar rematarán antes de que remate o ano. En total as actuacións afectarán ao edifico principal, que dispón de 10.000 metros cadrados.