Burela, a 25 de febreiro de 2019.- Manuel Rouco, presidente da agrupación local do Partido Popular de Burela, considera que a “obstinación do actual alcalde Llano e o seu equipo de Goberno en sacar para adiante contra vento e marea o expediente de contratación dos servizos de recollida de residuos sólidos urbanos, limpeza viaria e de praias e de xestión do punto limpo roza a obsesión”. Nese senso, o candidato do PP á alcaldía pregúntase por que esa teima en hipotecar ás próximas dúas próximas corporacións municipais, sexan da cor e signo político que sexan, cun contrato de 5 anos que indubidablemente vai incrementar o servizo nun máximo de 184.000 euros ao ano cando son sabedores de que a adxudicación do mesmo é practicamente imposible antes das vindeiras eleccións do 26 de maio debido aos diferentes trámites que hai que levar a cabo”.
Por iso, dende a agrupación local do PP de Burela consideramos que isto é “de dubidosa equidade, ética e transparencia polo que no pleno extraordinario do próximo mércores 27 de febreiro o Grupo Municipal Popular vai presentar unha emenda de substitución pedindo que o Goberno municipal paralice a tramitación do expediente de 2477/2018 de aprobación do expediente de contratación dos servizos mencionados instando ao actual alcalde a que adopte as medidas oportunas para que o servizo se siga prestando nas mesmas condicións a partir do 31 de marzo e ata que a próxima corporación municipal decida sobre este asunto”. Mentres, hai fórmulas para continuar prestando o servicio, como pasa co contrato de limpeza de dependencias municipais”.
Esta é a terceira vez que os populares o piden; xa que teñen presentado dous escritos sobre o asunto e agora tamén o solicitan vía emenda.