Partido Popular de Lugo

O Partido Popular explícalle a Carmen Calvo que o PSOE “non está para presumir de xestión nin na provincia, nin na cidade de Lugo”

24 de febreiro, 2019. O Partido Popular explícalle á vicepresidenta do Goberno, Carmen Calvo, que o PSOE “non está para presumir de xestión nin na provincia, nin na cidade de Lugo”. Os populares fan estas declaracións despois da celebración do acto no que participou a dirixente socialista hoxe na cidade de Lugo.

 

Os populares din que a socialista “elixiu mal o lugar para alardear da súa xestión xa que en Lugo non hai realidades das que os socialistas poidan estar orgullosos”. Dende o Partido Popular lembran que o actual mandato dos socialistas en Lugo pasará á historia por “rebentar a Deputación coas súas liortas internas” e por “paralizar” o Concello de Lugo, froito da súa “desorganización, descontrol e sectarismo”.

 

“A cidadanía lucense está a sufrir a diario a falta de xestión do PSOE no Concello mentres que na Deputación, o Partido Popular, cunha actitude humilde e construtiva, procura proxectos para a provincia que o PSOE se ve obrigado a asumir pola súa condición de Goberno en minoría”, din os populares.

 

Tampouco “nos podemos esquecer dos Orzamentos Xerais do Estado que presentou o PSOE para a nosa provincia. Unhas contas que castigaban aos lucenses, aplicándolles importantes recortes, unha vez máis motivados polos intereses partidistas do Goberno de Sánchez”, lembran dende o PP.

 

Polo tanto, o acto do PSOE na provincia “é unha mostra máis do seu atrevemento e falta de respecto cara os veciños e as veciñas”, que, lamentan dende o PP, “padecen un PSOE centrado só en si mesmo, que non se preocupa polos investimentos nin polas necesidades da nosa provincia e da nosa cidade”.