23 de febreiro, 2019. O Partido Popular esixe que “dunha vez por todas”, a Deputación de Lugo cumpra este ano coa súa obriga de rehabilitar a Casona do Incio, un edifico, situado no centro da capitalidade municipal e propiedade da administración provincial, sobre o que os Gobernos socialistas non actuaron dende hai doce anos e que, polo tanto, presenta hoxe en día “un vergoñento estado de abandono”.
A rehabilitación estrutural da Casona do Incio é unha reivindicación tanto do PP local como provincial, así como dos veciños do municipio que mesmo teñen saído á rúa para pedirlle ao Goberno socialista que rehabilitase o edificio. Ademais do convenio do ano 2006, no que se regula o compromiso da Deputación de actuar neste inmoble, existen varios acordos plenarios, que obrigan ao executivo provincial a acometer as obras necesarias no edificio da Casona. Os populares denuncian que o Goberno socialista ignore “tanto o convenio como os diferentes acordos plenarios, o último aprobado en xuño do 2018 a iniciativa do PP”.
Moción do Grupo Popular para que se execute o convenio do 2006
A falta de xestión da institución que dirixen os socialistas leva aos populares a esixirlles en Pleno da Deputación de Lugo que se encomende á Sociedade Urbanística Provincial de Lugo, S.A. a rehabilitación estrutural da Casona do Incio e que se leve a cabo neste ano 2019. A moción debaterase na sesión do próximo martes.
Desde o PP defenden que se debe executar o convenio asinado no ano 2006 entre a Deputación, Suplusa e o Concello, no que se establece o compromiso da Administración provincial de executar as obras de recuperación integral da Casona, mantendo a súa estrutura orixinal, sen derrubalas.
Uso electoral da Casona pero sen executar o presuposto
De feito, os populares sinalan que este convenio de 2006 debera levar anos executado, pero non foi así, senón que desde a chegada do PSOE ao Goberno Provincial nada se ten avanzado. Os últimos traballos que se levaron a cabo foron cun Goberno do PP na Deputación é a partir de aí tanto Besteiro como Campos e a actual alcaldesa paralizárono todo, mesmo desatenderon as obrigas respecto ao mantemento do inmoble que a lexislación impón aos propietarios.
A Deputación cos Gobernos socialistas só se limitou a consignar fondos nos orzamentos anualidade tras anualidade sen chegalos a executar. “Unha vez máis neste 2019, no Orzamento da Deputación inclúese a cantidade de 200.000 euros para rehabilitar a Casona de O Incio; e mesmo a Sociedade Urbanística Provincial de Lugo, S.A. conta na previsión de gastos do seu Orzamento para o presente exercicio, o cal está incorporado ao Orzamento Xeral da Deputación, con 74.446,48 euros de remanentes para o P1 O Incio, onde se localiza a Casona”.
Ademais de que os socialistas non fixeron nada para rehabilitar a Casona, os populares tamén se amosan críticos co uso electoralista que o PSOE tanto na Deputación como no Concello pretenderon darlle a este edificio. Recordan que en decembro de 2015 parte do Goberno provincial desembarcou no Incio coa alcaldesa socialista á fronte para dicir que en dez días comezarían as obras, un anuncio que quedou en mera promesa electoral.
A falta de compromiso cunha reivindicación histórica no Incio é constante ata a actualizade o que provoca que a Casona se atope ante un claro perigo de derrubamento e mesmo a maleza existente no terreo contiguo á Casona “é visible por riba das vallas de protección colocadas e invade a beirarrúa”, denuncian.
“Son 12 anos os que a Deputación Provincial de Lugo leva sen atender as súas responsabilidades como propietaria do edificio. Son 12 anos os que a Deputación Provincial de Lugo está incumprindo o convenio asinado co Concello de O Incio o 27 de novembro de 2006 e comprometido cos veciños e veciñas de O Incio”.
Polo tanto, dende o PP local e provincial insisten na necesidade de que a Deputación encomende á Suplusa a rehabilitación estrutural da Casona para levala a cabo neste ano.