Partido Popular de Lugo

O PP de Lourenzá nomea a Javier Rodríguez Barrera como candidato á alcaldía

22 de febreiro, 2019. Francisco Javier Rodríguez Barrera será o candidato do PP á alcaldía de Lourenzá. Así o decidía por unanimidade a executiva local do Partido nunha xuntanza mantida este xoves tras anunciar a actual voceira do Grupo Municipal Popular, Emma Álvarez, o seu desexo de non repetir á fronte da lista de cara ás eleccións municipais do vindeiro 26 de maio. Álvarez, que preside a executiva local, continuará ao fronte do Partido Popular no municipio co obxectivo de “seguir traballando na defensa dos intereses dos laurentinos”.

 

Javier Rodríguez Barrera amosou o seu agradecemento ao Partido Popular pola confianza para liderar o proxecto no municipio laurentino co obxectivo de recuperar a alcaldía e “devolver aos veciños un Goberno construtivo que traballe en beneficio de todos e todas”.

 

Pola súa banda, a presidenta do PP de Lugo, Elena Candia, agradece a Emma Álvarez e a todo o Grupo Municipal Popular o seu traballo, esforzo e dedicación dende a oposición e anima ao novo candidato popular a traballar para “sacar ao Concello do declive no que o meteu o Partido Socialista”.

 

O candidato popular aposta por “retomar os proxectos iniciados polo anterior Goberno popular e colaborar cos veciños e veciñas, o tecido empresarial e o asociativo”. Nese sentido, considera necesario “potenciar o asentamento de empresas no polígono industrial do municipio e traballar por reverter a desaparición de tendas e comercios en Lourenzá”.

 

Igualmente, Rodríguez Barrera amósase convencido do potencial do rural no municipio e, nese sentido, cre que “tanto os nosos montes coma a produción da faba merecen o esforzo do Goberno local para poñelos en valor”.

 

En materia de servizos sociais, o candidato do PP á alcaldía aposta por “ofrecer a atención que se merecen os nosos maiores e, especialmente, aqueles que viven sos”. Tamén avanza Rodríguez Barrera a súa disposición para establecer os contactos necesarios para potenciar o patrimonio laurentino. Concretamente, cre necesaria “a restauración do mosteiro así coma realizar as xestións necesarias para darlle un uso público”. E, en materia deportiva, aposta pola creación dunha pista de atletismo como xa tiña previsto o anterior equipo de Goberno do PP”.

 

Currículo

Francisco Javier Rodríguez Barrera traballa no servizo municipal de augas do Concello de Lourenzá dende fai 21 anos e forma parte do Grupo Municipal Popular tras concorrer nas pasadas eleccións municipais como número 2 da lista encabezada por Emma Álvarez.