Partido Popular de Lugo

Os populares de Lugo aseguran que Concello e Fomento só buscan coa intermodal “a foto da sinatura sobre unha servilleta”

21 de febreiro, 2019. Os populares da provincia de Lugo cren que "o Concello e o Ministerio de Fomento só buscan a foto da firma nunha servilleta" en lugar de avanzar na estación intermodal. Así o aseguran porque “Fomento asume menos compromisos con Lugo que co resto de cidades galegas e lembran que tanto en Ourense como en Santiago as estacións intermodais xa están en marcha amparadas por acordos moito máis completos e concretos que o que pretenden impoñer para Lugo”.

 

“Os lucenses non podemos ser menos que o resto dos galegos”, insisten e engaden que “a postura máis fácil para non facer nada sería firmar o convenio de Adif, nos termos nos que está proposto”.

 

A este respecto, dende o Partido Popular lucense aclaran que o documento elaborado por Fomento non compromete a nada. É máis, supón retroceder un ano, pois foi en marzo de 2018 cando se lles fixo entrega da proposta de convenio por parte da Xunta e mesmo se mantiveron varias reunións nas que, por certo, estivo presente a propia presidenta de Adif e a alcaldesa socialista”.

 

“Non se entende que os socialistas pretendan asinar agora un documento sen contido nin compromisos concretos cando xa se acumulan dous anos de traballo en relación á estación intermodal de Lugo”, explican dende o Partido Popular lucense. Así mesmo, engaden que “falta vontade por avanzar nesta infraestrutura como demostra o feito de que dende o Goberno do PSOE no Concello de Lugo non teñan dado resposta á proposta de protocolo aportada pola Xunta”.

 

“É preciso establecer responsabilidades específicas por parte de cada unha das administracións; pero, para iso, é necesario que tanto o Ministerio de Fomento coma o Concello amosen a súa disposición por colaborar e chegar a acordos que permitan dotar á cidade amurallada desta estación que garanta o intercambio de pasaxeiros entre distintos medios de transporte de forma rápida e segura”, manifestan os populares da provincia de Lugo.

 

Proposta de acordo marco

“Precisamente como exemplo de compromiso coa cidade e de vontade por dotar aos lucenses dos mesmos servizos que o resto dos galegos, a Xunta ven de remitir ao Ministerio e ao Concello unha nova proposta de acordo marco que recolle compromisos concretos de todas as partes para impulsar esta estación intermodal actualizando a proposta remitida en marzo do 2018 á que o Ministerio respondeu aportando observacións, pero á que nunca chegou resposta dende o Concello”, recordan os populares lucenses.