Burela, a 20 de febreiro de 2019.- O Grupo Municipal do PP de Burela alégrase de que o alcalde, Alfredo Llano, anuncie publicamente que vai ter rematada a Relación de Postos de Traballo (RPT) antes de que remate o actual mandato cando temos que recordar que quedan tres meses para as vindeiras eleccións municipais”.
Para os edís populares, “isto quere dicir que durante estes tres anos –despois de ter anunciada a RPT no 2016- non fixo absolutamente nada e estívose rindo dos traballadores do Concello e os seus representantes”. Aínda así, “benvido sexa o anuncio do señor Llano de que por fin se pon a traballar na Relación de Postos de Traballo aínda que sexan 45 meses despois de terse celebrado as eleccións municipais do 2015”.
Dende o Grupo Municipal Popular “esperamos que tamén se poña a traballar no novo pavillón ou na ubicación do mercado”. Do mesmo xeito, “esperamos que se poña a traballar dunha vez por todas na traseira de Capitanía ou no parque empresarial do Perdouro. En definitiva, que se poña a traballar noutros asuntos tamén importantes e que están absolutamente parados neste mandato”. Así, “foi un mandato perdido”.
Aínda así, os populares recoñecen “a suposta boa vontade do señor Llano. Que o alcalde diga que se vai poñer a traballar para rematar a RPT sería unha enorme noticia se fora crible; pero, tal e como recordan, Llano tampouco cumpriu cos anuncios que fixo nestes últimos catro anos”.