Partido Popular de Lugo

O PP pedirá o apoio do Pleno da Deputación para combater a ocupación ilegal de vivendas e garantir o dereito de propiedade

18 de febreiro, 2019. O Grupo Provincial do PP presentará unha moción para o seu debate no Pleno da Deputación para dar o seu firme apoio á Proposición de Lei Orgánica contra a ocupación ilegal e para a convivencia veciñal e a protección da seguridade das persoas e cousas nas comunidades de propietarios, rexistrada polo PP no Congreso dos Deputados o 31 de xaneiro. A mesma proposta será debatida no Pleno do Concello a iniciativa do Grupo Municipal do PP.

 

A iniciativa está destinada a combater a ocupación ilegal de vivendas que garanta o dereito da propiedade, a seguridade de persoas e bens e a convivencia social. No seu articulado establécese, entre outras medidas, que a Policía (a autoridade pública e os seus axentes) poderá desaloxar a vivenda ocupada ilegalmente nun prazo exprés de 24 horas, sen necesidade de esperar varios meses como ata agora e reforza o delito de usurpación pasando dunha multa a pena de privación de liberdade dun a tres anos.

 

Demandan ademais que se reclame ás forzas políticas con representación parlamentaria que dean a súa aprobación a esta iniciativa normativa antiocupa, pioneira en España, por ser de interese xeral e necesaria para corrixir un grave problema social e de convivencia xerado a causas destas actividades ilegais contrarias ao dereito á propiedade e á seguridade das persoas e as cousas.

 

Piden tamén que se dea traslado destes acordos á Ministra de Xustiza, á Vicepresidenta do Goberno e aos Voceiros Parlamentarios dos Grupos con representación no Congreso e no Senado, así como ao presidente da Federación Española de Municipios e Provincias.

 

Evitar situación como as acontecidas en Lugo

Fronte á pasividade e incluso permivisidade do Goberno local de Lugo e dos mal chamados “alcaldes do cambio”, esta Proposición de Lei, de aprobarse, evitaría situacións como as acontecidas na cidade amurallada nos últimos tempos, en barrios como o da Milagrosa, Feijoo, Residencia e as Gándaras, onde onte mesmo ducias de cidadáns se viron obrigados a saír á rúa para protestar por unha política de desidia absoluta do Goberno local.

 

Concello como o de Lugo, lonxe de promover unha política efectiva de vivenda, dedicáronse a “consentir” unha usurpación da propiedade que non é xustificable en ningún caso, pois trátase dunha ilegalidade en contra do dereito constitucionalmente recoñecido, a propiedade.

 

Cando hai unha ocupación ilegal, hai un acto contrario a dereito. Non pode ser que estas políticas de cambio se baseen en considerar a ocupación ilegal como unha situación tolerable ou admisible, como non o é calquera outra ilegalidade.

 

Combater o alarmante e crecente problema da ocupación de vivendas, loitar contra as mafias e a delincuencia asociada á mesma e garantir así, a propiedade privada, a convivencia e a seguridade son os motivos principais que impulsan esta iniciativa normativa no Congreso dos Deputados.

 

A Proposición de Lei define por primeira vez de forma clara a ocupación ilegal e impide que os ocupas se intenten amparar en resquicios legais ou en dereitos que asisten ao cidadán que actúa legalmente, para cometer ese atentado contra a propiedade privada. Para elo permítese que as autoridades públicas e os seus axentes interveñan dentro do espazo ocupado para proceder ao desaloxo. A autoridade pública poderá desaloxar as vivendas ocupadas ilegalmente nun prazo de 24 horas.

 

A nova normativa, de aprobarse, facultará tamén ás comunidades de propietarios, cando os ocupantes ilegais realicen actividades prohibidas ou molestas ou incívicas, para garantir a correcta convivencia veciñal. Ademais, considera nula a inscrición no padrón municipal cando a persoa inscrita sexa un ocupa ilegal, modificando para elo a Lei de Bases do Réxime Local.

 

Esta proposición de Lei non regula os desafiuzamentos hipotecarios nin arrendaticios nin ten como obxectivo regular os coñecidos “precarios” e deixa claro que esta normativa nada ten que ver coa que se aprobou en protección das persoas en situacións de emerxencia social ou especial vulnerabilidade habitacional cuxa protección encontrase definida en numerosas normas aprobadas polo Partido Popular.