Partido Popular de Lugo

Ramiro Moure lidera de novo a lista que o PP presentará en Taboada

15 de febreiro, 2019. Ramiro Moure encabezará de novo a lista coa que os populares concorrerán nas vindeiras eleccións municipais no concello de Taboada despois de lograr dúas maiorías absolutas nas anteriores citas coas urnas.

 

A presidenta provincial do PP, Elena Candia, destaca “o apoio maioritario que os veciños e veciñas ofreceron nas anteriores eleccións municipais respaldando o compromiso do rexedor popular por dar resposta ás necesidades do día a día dos taboadeses”.

 

O candidato popular e actual rexedor explica, pola súa parte, que “dende o Goberno local traballamos para ofrecer servizos en todo o municipio”. Nese sentido, destaca, por exemplo en materia social, “o servizo de axuda no fogar e a atención a persoas en situación de dependencia que conta cun total de 23 traballadoras”.

 

Así mesmo, amosa o seu compromiso por “continuar a desenvolver unha rede de servizos aos veciños en materia de infraestruturas”. Isto é, “mellorar pistas e accesos, seguir coa renovación do alumeado público”. Moure tamén pon en valor o importante investimento que “fixo posible a renovación do campo de fútbol municipal para dotar ao equipo local dunhas infraestruturas axeitadas”.

 

Ademais das infraestruturas e servizos que “procuran o benestar dos taboadeses”, tamén cre o popular que “a creación do polígono industrial fomentaría o asentamento de empresas e, polo tanto, tamén de poboación”. Por iso, o candidato do PP a revalidar a alcaldía amosa o seu compromiso “coa súa posta en marcha en canto sexa posible”.

 

Currículo

Ramiro Moure Ansoar, mestre industrial, é funcionario de Institucións Penitenciarias. É alcalde de Taboada dende o ano 2009 e dende entón logrou a maioría absoluta nos comicios electorais municipais de 2011 e 2015.

 

Ramiro Moure, presidente do PP de Taboada e coordinador territorial da comarca de Chantada, tamén é deputado provincial.