Láncara (Lugo), 13 febreiro, 2019.- O candidato do PP á alcaldía, Santiago Cubillas, reclama que a actualización do servizo de transporte público promovida pola Xunta teña en conta as necesidades dos veciños e veciñas de Láncara.
Cubillas indica que de cara á implantación do futuro Plan de Transporte “é necesario introducir unha serie de melloras demandadas polo usuarios deste servizo e das que queremos facernos eco os populares”.
Así por exemplo solicita que “as novas liñas de bus teñan parada dentro do núcleo urbano do noso pobo”. Trátase dunha “demanda xeral dos veciños e veciñas” que, ao mesmo tempo, daría uso á nova marquesiña instalada.
“Sería importante analizar caso por caso para comprobar a viabilidade desta medida, de xeito especial, cando nese autocar hai pasaxeiros de Pobra, que poderían baixar xa no interior do núcleo urbano”, explica Cubillas.
Dende o Partido Popular de Láncara poñen en valor tamén a consolidación no novo plan da liña entre Láncara e A Pobra de San Xiao a primeira hora da mañá e da liña que comunica a cidade amurallada coa Pobra de San Xiao despois do remate das clases nos institutos na cidade. “Esta liña permite que os estudantes lancareses que acoden ás clases a Lugo podan regresar aos seus fogares empregando este transporte público”.
O popular xa ten trasladado esta demanda nos últimos encontros que mantivo co delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, que asumiu o compromiso de estudar todas estas peticións de cara ao novo plan de transporte que entrará en vigor despois do verán.