Partido Popular de Lugo

O PSOE coloca á ex deputada provincial e ex primeira tenente alcalde en Lugo, Sonia Méndez, nunha praza na Deputación

12 de febreiro, 2019.- O Grupo Provincial Popular desvela que o PSOE vén de colocar á ex deputada provincial e ex primeira tenente alcalde en Lugo, Sonia Méndez, nunha praza na Deputación. Os populares cren que esta contratación supón, unha vez máis, darlle continuidade á axencia de colocación de amigos que tiña Besteiro e que Campos está a perpetuar.

 

Así, se onte era noticia o secretario de organización do PSOE de Lugo polo incremento do seu salario na Deputación a través dun proceso “a dedo”, hoxe os populares denuncian que a que foi a man dereita de Orozco no Concello e deputada provincial con Besteiro se suma ao persoal da Deputación de Lugo como técnica de administración xeral con data de un de febreiro de 2019.

 

Terá vantaxe para optar á praza fixa

Os populares sospeitan que o PSOE realizou este proceso selectivo para creación de listas de interinos baixo unha apariencia de legalidade, cando o que buscan é meter xente pola porta de atrás. Curiosamente só mediaron seis días desde que se publicou a lista de admitidos e excluídos ata a realización da primeira proba do proceso selectivo. Así, dos 22 admitidos só 8 foron á proba inicial, quedando Sonia Méndez no cuarto lugar.

 

Agora chámana para unha praza que está vacante, curiosamente para o Grupo A1, o máis alto da administración xeral, e estará contratada, en principio, ata que se cubra por un funcionario, de maneira que se sacan a praza a concurso-oposición ela terá vantaxe para optar a esta praza fixa.

 

 

O decreto asinado pola Presidencia resolve que se nomea a Sonia Méndez “como persoal funcionario interino pola circunstancia de existencia de praza vacante cando non sexa posible a súa cobertura por funcionarios de carreira ao obxecto de prestar servizos de carácter temporal, como técnica de administración xeral, adscrita ao servizo de contratación e fomento da Deputación Provincial de Lugo”.

 

Precisan ademais que “a formalización do devandito nomeamento, que terá efectividade de data 01/02/2019, terá vixencia ata a cobertura definitiva da praza vacante nº 950 ou ben ata que se decida a súa amortización ou deixe de ser necesaria a súa cobertura provisional; realizándose por escrito e de conformidade co disposto na vixente normativa aplicable”.

 

Os populares lamentan que o PSOE na Deputación manteña este tipo de prácticas fraudulentas e denuncia a intención dos socialistas de manter as súas estruturas de poder pagando salarios con recursos públicos a cargos políticos, un exemplo claro de “enchufismo”.

 

Práctica reincidente

Dáse a circunstancia de que Sonia Méndez xa fora contratada como técnica de administración xeral durante os meses de xullo a decembro de 2018 para cubrir unha baixa de maternidade na Deputación de Lugo e agora, só un mes despois, Darío Campos volve colocala nesta ocasión “ata a cobertura definitiva da praza”.

 

Nomeamento ilegal

En canto ás explicacións dadas polo Goberno Provincial sobre o incremento de salario do traballador que é tamén secretario de organización do PSOE en Lugo, os populares sosteñen que é un nomeamento ilegal, xa que nomean a un laboral temporal para un posto de funcionario, así consta na RPT, cando hai media ducia de capataces con praza de funcionarios de carreira e outros tantos capataces funcionarios interinos aos que lles correspondería ocupar este posto no caso de que efectivamente fose necesario facer o nomeamento.