12 de febreiro, 2019. O Grupo Provincial Popular denuncia que Darío Campos vén de multiplicar na Deputación de Lugo o soldo dun traballador, membro da executiva local do PSOE lucense, a tres meses das eleccións. Os populares ven nesta maniobra do PSOE un pagamento de favores políticos con cargo a cartos públicos, unha decisión que consideran “moi reprochable”.
“Teñen un programa na Deputación ao que lle deron o nome de ‘Tecendo Emprego’, pero os socialistas o único que están a tecer é unha rede clientelar ao servizo dun partido político, o PSOE, esquecendo así a defensa dos intereses da provincia”, precisan.
Así, a través dun decreto asinado hai unhas semanas a Miguel Ángel Crende López, que como pode comprobarse é membro do PSOE de Lugo, véñenlle de ser atribuídas temporalmente as funcións de Celador/Responsable Coordinador III Zona, mentres sexa necesario, co correspondente incremento salarial. En concreto, o traballador ocupa unha praza de obreiro de Vías e Obras e con este nomeamento pasa de ter un complemento específico de 338,16 € a 760,37 €, (máis de 400 € de mellora ao mes).
Pedirán a revisión do proceso
Os populares critican a designación a dedo deste posto e da subida que veñen de facerlle ao salario, o que trae consigo un agravio comparativo con respecto aos capataces deste servizo, algún deles con máis de 30 anos traballados, que ven como se lles impide calquera tipo de promoción. “Criticamos a contía e o proceso, polo que pediremos a súa revisión”, avanzan os populares quen consideran esta decisión de Campos unha falta de respecto para os que pasaron un proceso de selección e levan traballando 30 anos.
No mesmo texto explícase que, “dado que as funcións do posto que se lle atribúen son superiores ás do posto que desempeña, se lle aboe a diferenza de Complemento de Destino e Complemento Específico durante o tempo que realice estas funcións, conforme aos artigos 37.3 e 38.5 do Convenio Colectivo Único para Persoal Laboral da Deputación Provincial de Lugo coas limitacións establecidas pola integración no subgrupo de clasificación ao que pertence. En consecuencia, as retribucións complementarias a percibir polo desempeño das funcións do citado posto son: C.D. 14; C. Específico: 760,37 euros”.
O aumento do salario deste membro da executiva local do PSOE de Lugo fíxose efectivo xa no mes de xaneiro.
A Deputación indica que esta atribución temporal de función “ten carácter excepcional e provisional” e terá unha duración máxima dun ano, prorrogable outro ano máis.
“Estanlle a pagar a comisarios políticos pola porta de atrás o que consideramos unha unha burla e unha estafa a todos os lucenses. “Pode que a lei o permita, pero é a todas luces unha practica clientelar que debemos denunciar e que a xente debe coñecer. Deben saber que os socialistas destinan os recursos públicos ao pagamento de favores políticos”, lamentan.
Os populares recordan outras prácticas abusivas acometidas pola Deputación de Lugo, como o intento no ano 2016 de querer meter a oito asesores pola porta de atrás ou a convocatoria dun proceso de selección no 2015 para o persoal das residencias, que nunca respectaron.
https://psoelugo.com/personnal/miguel-angel-crende-lopez/miguel-crende/ *