8 de febreiro, 2019. O Grupo Municipal Popular de Monforte amosa a súa satisfacción “porque dese resultado o acordo aprobado no Parlamento de Galicia, a proposición non de lei do Grupo Popular, para solicitar ao Ministerio de Enerxía e Turismo e a Turespaña que procederan a acometer as obras de recuperación e restauración no tramo da muralla de Monforte de Lemos comprendido entre a Torre da Homenaxe e a Porta Nova”. Así, “as xestións dos populares deron o seu froito na procura da posta en valor do monumento, así coma para evitar a importante degradación que está a sufrir”.
A voceira do Grupo Municipal Popular, Julia Rodríguez, cre que “o inicio do estudo da situación actual do monumento por parte dos técnicos de Turespaña de cara á mellora do estado de conservación da muralla é unha boa nova para Monforte” e subliña que “se deriva do acordo adoptado no Parlamento galego”. Nese sentido, lamenta que “o equipo de goberno local teña votado en contra das iniciativas a este respecto que se debateron no Pleno a iniciativa do Grupo Popular incluso cando se lle pedía que mantivese a muralla en axeitadas condicións de limpeza”.
Así, os populares da corporación municipal da cidade do Cabe recordan que “a muralla é dos conxuntos fortificados da Idade Media máis importantes de Galicia e, polo tanto, constitúe un importante valor cultural para Monforte”; pero “sofre un abandono alarmante. Isto a pesar de que o Concello dispón dende o 2008 dun Plan de actuacións para a súa recuperación; pero dende aquela xa se perderon máis de 10 anos sen facer ningunha xestión ao respecto”, critican.
Así mesmo, “lamentamos que o alcalde non pedise nestes anos as axudas do 1% cultural que permitiran actuar sobre os tramos da muralla de titularidade municipal. Ante a inacción do goberno local, tivemos que traballar para coñecer a titularidade, e unha vez constatado que parte da muralla era de Turespaña, instar a que actuasen a través do Parlamento de Galicia”.