5 de febreiro, 2019. Juan Carlos Serrano opta de novo á alcaldía de Portomarín co Partido Popular co obxectivo de “traballar na procura do ben do noso municipio” e convencido de que “o mellor está por vir”.
A presidenta dos populares da provincia, Elena Candia, confía de novo no rexedor popular para acadar unha nova maioría que lle permita gobernar en Portomarín como leva facendo nestes últimos oito anos, “con compromiso e dedicación”.
O candidato popular agarda continuar a traballar para “desenvolver proxectos importantes para Portomarín”. Polo momento, pon en valor “o esforzo que dende o ámbito municipal fixemos ata transformar a Portomarín nun pobo turístico” e agarda “afrontar o Xacobeo 2021 con tódalas garantías”. Nese sentido, destaca que “a hostalería ofrece durante a época de verán moitas oportunidades de traballo”. Precisamente Serrano considera que “o emprego estable e continuo ao longo de todo o ano é o que contribúe a consolidar poboación nos municipios do rural. E iso é o que procuramos coa implantación dunha gran empresa en Portomarín. Nesa liña queremos seguir traballando”.
Xestión eficiente e beneficiosa para os veciños
O popular asegura que “non hai que esquecerse da conservación dos servizos públicos, como por exemplo en materia de augas” e recorda as actuacións en tódolos locais sociais do municipio. “A pesar de atravesar unha crise económica, o equipo de goberno local foi quen de levar a cabo unha xestión eficiente e beneficiosa para os veciños atendendo ás súas necesidades e mantendo ao Concello sen débedas”, indica Serrano.
Outra das necesidades do municipio é a de contar con servizos para tódalas idades. Nese senso, o popular destaca “a boa acollida da casa niño para a atención dos máis pequenos” e aposta “pola asistencia aos maiores como demostran os proxectos en marcha para a implantación dunha casa do maior, dun centro interxeracional e de apartamentos tutelados”.
Todos estes son exemplos, así mesmo, da capacidade do equipo de goberno popular por “chegar a acordos, dentro das nosas posibilidades de negociación, coas distintas administracións procurando o ben de Portomarín e os seus veciños”. Así, apunta Serrano que “tamén están en marcha os proxectos do Centro de Interpretación de Castromaior e o arranxo da coñecida como casa sindical con cargo aos Presupostos Xerais do Estado aprobados polo Goberno popular. No mesmo sentido, están comprometidas achegas da Xunta de Galicia para unha senda peonil, a depuradora de augas residuais e a renovación do alumeado público con lámpadas LED”.
Finalmente, o candidato do PP á alcaldía avoga “pola estabilidade política en tódolos ámbitos para garantir o futuro da sociedade”.
Currículo
Juan Carlos Serrano é empresario. Xa encabezou a candidatura popular en Portomarín nas eleccións municipais de 2007 e no ano 2011 accedeu á alcaldía que logrou conseguir de novo no 2015.
É o presidente da agrupación local neste municipio dende maio do 2013.