Partido Popular de Lugo

Os populares lucenses lamentan que “os socialistas se apropien do incremento das pensións despois de votar en contra cando o aprobou o Goberno do PP”

31 de xaneiro, 2019. Os populares lucenses lamentan que “os socialistas votaran en contra da subida das pensións que aprobou o Goberno do Partido Popular, de acordo cos axentes sociais, e que agora pretendan anotarse o tanto da man da subdelegada do Goberno de Sánchez na nosa provincia”.

 

Nese senso, lembran que “se os pensionistas da nosa provincia ven xa incrementadas as súas pensións é porque o Goberno do PP conseguiu aprobar estas subidas e dar maior estabilidade ao sistema das pensións a pesar do voto en contra dos socialistas”.

 

Así mesmo, dende o Partido Popular engaden que “o que non conta a subdelegada do Goberno é que a pasada semana os socialistas sacaron adiante no Congreso, co apoio de Podemos, unha suba histórica de impostos: o aumento nun 57% nas bases de cotización á Seguridade Social que afecta a determinados colectivos de traballadores autónomos. Isto implica o aumento da cotización que deberán pagar, entre outros, traballadores do mar –coma mariscadores, percebeiros ou mariñeiros embarcados en pequenas embarcacións-. Así, os socialistas poñen en risco moitos empregos na nosa provincia”.

 

Tendo en conta este incremento, os populares cren que “perde todo o sentido o cualificativo de sociais que os propios socialistas outorgan aos Presupostos elaborados polo Goberno de Sánchez”. Nesa liña, engaden que “mentres que o Goberno socialista di defender as rendas medias e baixas, á vez que sube os impostos ao diésel ou ao aforro, entre outros”.

 

Sen avanzar nas inversións xa presupostas no 2018

“Resulta incualificable presumir de ter conseguido as mellores infraestruturas para as estradas e o ferrocarril na provincia de Lugo cando en oito meses non foron capaces de avanzar nas inversións xa presupostadas no 2018”, indican os populares de Lugo.

 

Así o demostran as respostas ou ausencia delas que, con retraso, o propio Goberno ofreceu aos representantes do PP lucense no Congreso e no Senado. Concretamente, sobre o grao de execución da partida orzamentaria do 2018 para a autovía da Mariña, os prazos e as previsións de actuacións os deputados no Congreso preguntaran en outubro e aínda recibiron resposta o pasado 24 de xaneiro indicando que “para os tramos Burela-Foz e Foz-Barreiros o proxecto está en fase de redacción; mentres que o correspondente ao tramo San Cibrao-Burela está pendente aínda da licitación dun contrato de servizos para redactar o proxecto”. Igualmente, os senadores populares tamén se tiñan interesado por coñecer as actuacións sobre as infraestruturas da provincia e “o Goberno socialista non nos respondeu en prazo ou o fixo de forma xenérica”. Polo tanto, cren que “isto pon de manifesto as poucas perspectivas de ver algún tramo en obra durante o 2019”; así coma “a falta de compromiso do Goberno para concretar e estimar os prazos destas obras”.

 

Os populares explican que “podemos dicir o mesmo da concesión da ponte sobre o río Miño; xa que o proxecto segue en redacción e sen concretar prazos”. E na autovía A-56 entre Ourense e Lugo vemos “moita redacción de proxectos, pero solo en execución o que o anterior Goberno popular tiña impulsado”. Finalmente, os deputados populares lucenses lamentan que “non podemos valorar o traballo ao respecto do ferrocarril porque seguen sen contestar ás nosas preguntas”.