Partido Popular de Lugo

O PP de Láncara pide que o Concello estableza un protocolo de actuación ante alertas por temporais

30 de xaneiro, 2019. O Grupo Municipal Popular no Concello de Láncara proporá que se establezan protocolos concretos de actuación ante alertas por temporais. Así o trasladará no Pleno deste xoves 31 de xaneiro a través dun rogo; xa que “tódolos invernos acontecen temporais de maior ou menor intensidade”. Ante estes casos “é necesario contar cuns protocolos de actuación claros e concisos”, segundo manifesta o voceiro municipal e candidato do PP á alcaldía de Láncara, Santiago Cubillas.

 

Os populares propoñen establecer algunhas actuacións básicas coma “a sinalización ou peche do parque infantil cando haxa ventos fortes, xa que existe perigo de caída de pinas e canas” e proceder de xeito similar “noutras zonas sensibles coma o fluvial”.

 

Por outra banda, ante a presenza de xeo ou neve “débese botar sal en puntos problemáticos das estradas, nas rúas e beirarrúas máis transitadas e, especialmente, na zona do centro médico”. Na mesma liña, dende o Grupo Municipal Popular propoñen “priorizar a limpeza de estradas na montaña cando neva”.

 

Cubillas sinala que “nas últimas semanas nas que se rexistraron importantes xeadas no municipio non foi ata que os propios veciños e veciñas o pediron cando o goberno local actuou botando sal para diminuír a presenza de xeo nas rúas e, polo tanto, o risco de esvarar”. Neste sentido, “lamentamos que o alcalde e o seu equipo de goberno se desentendan da seguridade dos peóns”, conclúe o popular.